O FalaRedes despide as súas actividades ata setembro en seis concellos da rede de dinamización

Os Bolechas conclúen o seu paso pola sétima edición do programa de dinamización lingüística con funcións en Bande, Oímbra, Coristanco e Arzúa
‘A casa do terror’ fai parada en Ponteareas e Melide
A entrada a todas as actividades é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos
Xov, 26/07/2018 - 19:01

O programa de dinamización lingüística FalaRedes despide as súas actividades ata o mes de setembro, con actividades en seis concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) durante a fin de semana. Os Bolechas conclúen o seu paso pola sétima edición do FalaRedes con funcións do novo espectáculo 'Os Bolechas e o amigo Monte' nos concellos de Bande, Oímbra, Coristanco e Arzúa. Xoán Curiel e a banda Son+d2 levarán o espectáculo 'A casa do terror' a Ponteareas e a Melide.

A axenda de actividades comezará pasado mañá, sábado 28, en Bande, cunha función dos 'Bolechas e o amigo Monte' no salón de actos do Concello, ás 12:00 horas; ás 19:30 horas poderase gozar dese espectáculo tamén en Oímbra, no pavillón polideportivo. Ese mesmo día, a Feira do Libro de Ponteareas acollerá 'A casa do terror' na Praza Maior, ás 21:00 horas (en caso de choiva, no Auditorio Reveriano Soutullo). Xa o domingo, os irmáns animados máis coñecidos de Galicia visitarán Coristanco, para ofrecer unha función no Edificio de Servizos Múltiples da vila, ás 12:30 horas; e pola tarde Arzúa, con outra no Multiúsos Terra do Queixo, ás 19:30 horas. Curiel e Son+d2 pecharán a xornada do domingo en Melide, cun concerto na Praza do Convento, ás 20:30 horas.

Coma sempre, a entrada a todas as actividades é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados. A partir do 31 de agosto, o programa dará conta das seguintes citas nos concellos de Ames, Castro Caldelas, Ribadavia, Ourense, Narón, Tui, A Estrada, Moaña e Burela, así como das novas propostas que incluirá o seu calendario para dinamizar o galego no tempo de lecer entre as familias.

Desde o mes de abril e ata finais de ano, as actividades están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con preto de 190 entidades adscritas. Nas seis edicións anteriores do programa foron preto de 900 as propostas programadas para públicos de todas as idades. Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.