Máis de 80 concellos xa apostan por coordinar coa Xunta as súas actuacións de dinamización da lingua galega

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, gabou os “municipios que están axudando a construír un marco de colaboración estable entre as administracións autonómica e local para avanzar na extensión social do galego”, a través da Rede de Dinamización Lingüística

Fíxoo esta mañá en Outes, onde presentou a actividade Vive os contos do programa Bocaberta

Mér, 11/05/2011 - 14:21
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, na presentación de Viv
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, na presentación de Vive os contos

Un total de 85 entidades xa forman parte da Rede de Dinamización Lingüística, unha iniciativa coa que a Xunta de Galicia busca promover a coordinación das actuacións de fomento do uso do galego desde o ámbito municipal e aumentar a efectividade das mesmas. O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, gabou a actitude de todos estes concellos que “están axudando a construír un marco de colaboración estable entre as administracións autonómica e local para avanzar na extensión social do galego a través da Rede”. Fíxoo esta mañá durante a rolda de prensa que ofreceu no concello de Outes para presentar o programa de dinamización lingüística Bocaberta.

O secretario xeral informou durante o acto de que actualmente están adheridos á Rede un total de 83 concellos de toda Galicia, entre eles o de Outes. Ademais, tamén forman parte da Rede o Consello da Cultura Galega e a mancomunidade de Arousa - Norte, onde están integradas as localidades de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e mais Rianxo.

Segundo anunciara Anxo Lorenzo o pasado mes de abril en sede parlamentaria, unha vez que estean constituídos os gobernos locais que resulten das eleccións do 22 de maio, terá lugar a primeira xuntanza do Consello de Membros da Rede. Posteriormente, a Área Técnica establecerá os procedementos de traballo para deseñar e implementar as actuacións de promoción da lingua galega desde o ámbito local.

Formación para os técnicos da Rede

Por outra banda, o próximo mes de xuño, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten previsto organizar as primeiras xornadas de formación da Rede de Dinamización Lingüística. Esta iniciativa, que se desenvolverá en varios días, constará de diversos seminarios dirixidos aos representantes técnicos dos concellos adheridos á Rede. O programa, que incluirá contidos específicos sobre o funcionamento da Rede, afondará nos  conceptos, fases e estratexias da planificación lingüística.

O programa Bocaberta visita Outes

O secretario xeral visitou Outes esta mañá para presentar unha das actividades de Bocaberta, o programa co que o departamento de Política Lingüística está a percorrer todos os concellos de Galicia para dinamizar o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos.

A actividade que estará este sábado en Outes é Vive os contos, unha representación de monicreques da compañía Títeres Cachirulo dirixida preferentemente a familias con nenos de 8 e 9 anos.

Xunto co secretario xeral participaron na rolda de prensa o alcalde de Outes, Carlos E. López Crespo, e mais Xelasio Suárez Santiso, xerente de Ir Indo, empresa que xestiona a actividade.

Declaracións do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo

declaracións do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo