Educación regula o procedemento para a homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias

A Consellería publica hoxe no DOG a norma que establece o procedemento a seguir para cada caso
Mar, 24/07/2018 - 12:55

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no DOG o procedemento de homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.

Dita Orde (que pode consultarse no enderezo electrónico https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180724/AnuncioG0164-110718-0001_gl.html), ademais de concretar o procedemento a seguir, determina os efectos das homologacións e validacións, distribúe as competencias para a xestión dos expedientes entre os distintos departamentos e regula os prazos así como a documentación que se esixe para cada caso.

Deste xeito simplifícase todo o procedemento e adáptase ás necesidades da administración electrónica para a presentación de solicitudes, recibir a notificación das resolucións e achegar documentación, garantindo ás persoas interesadas  o acceso ao procedemento por medios electrónicos, na medida en que sexa compatible cos requisitos formais específicos que debe cumprir a documentación expedida no estranxeiro para ser válida e eficaz en España.

Cómpre lembrar que, a efectos académicos, a homologación é a declaración de equivalencia para os efectos académicos dos títulos estranxeiros non universitarios ao correspondente título español. No caso das validacións, estas refírense á declaración de equivalencia dos estudos estranxeiros non universitarios aos correspondentes españois, para os efectos de continuar estudos nun centro docente español.