Os rapaces e rapazas de 16 concellos teñen unha nova cita coas actividades de lecer en galego do programa Bocaberta

A Secretaría Xeral de Política Lingüística propón unha semana de maxia, música e banda deseñada para promover o uso da lingua galega entre a franxa de idade de 3 a 18 anos

Lun, 09/05/2011 - 18:22
  Portada da revista Galimatías
Portada da revista Galimatías

O programa de dinamización lingüística Bocaberta visita esta semana 16 concellos de Galicia con novas propostas de actividades que farán gozar os rapaces e rapazas coa lingua galega. A programación que a Secretaría Xeral de Política Lingüística destina aos mozos e mozas de 3 a 18 anos aposta nos próximos días pola maxia, a música e o cómic. Deste xeito, os trucos máis enxeñosos, o pop e as viñetas marcan unha axenda de actividades que buscan promover o uso do galego entre os máis novos.

Aos máis pequenos van dirixidas as dúas accións máxicas da axenda. Dun lado, Carlos Coira será o encargado de mostrarlles aos nenos e nenas de 3 a 11 anos os seus mellores trucos na actividade Abrapalabra, que realizará media ducia de paradas por Galicia: hoxe nas Nogais e Pedrafita do Cebreiro, mañá en Navia de Suarna e Cervantes, e o mércores en Riotorto e A Pontenova. Doutro lado, tamén é máxica a experiencia que propón Atrapado na torre, un proxecto no que Chrystian Magic lles amosa aos nenos e nenas de 9 a 12 anos como, a través do esforzo, se converteu en prestidixitador profesional. Esta actividade estará o sábado en Pontecesures e mais en Cuntis.
Tamén para o público miúdo, de 9 a 12 anos, é Vive os contos, un espectáculo de monicreques no que se conta a historia dun rei que ve como cambian as súas ideas arredor do papel das mulleres no seu contorno. Esta actividade estará o sábado no concello de Outes.

No que toca á música, os mozos e mozas de 12 a 18 anos terán a oportunidade de aprender como se compón, grava e difunde unha canción con materiais informáticos caseiros, e de asistir a un concerto acústico de pop en galego. Poderán facelo da man de Detrás da canción, a actividade na que comparten protagonismo os grupos Projecto Mourente e The Homens, e que visitará A Fonsagrada o venres, Catoira o sábado e Vedra o domingo.

O mellor da banda deseñada en galego

A banda deseñada é outra das propostas para esta semana no calendario de Bocaberta. Os mozos e mozas de 12 anos de Mazaricos e Carnota (o mércores), de Muxía (o xoves) e de Barro (o venres) poderán asistir ao obradoiro Ti creas a historia. Nel, o prestixioso debuxante Anxo Fariña dará a coñecer todos os segredos do seu oficio e as claves para converterse nun gran debuxante de cómic. Mentres, a revista Galimatías, que reúne o mellor da banda deseñada galega, sairá á rúa cun novo número este venres, gratuitamente, xunto co diario El Correo Gallego.

Localizacións, horarios e novidades, a través da rede

As localizacións e horarios das actividades de Bocaberta están dispoñibles en internet, a través do boletín electrónico semanal do programa, accesible desde a páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, http://www.xunta.es/linguagalega. Ademais, Bocaberta conta con canles de actualización permanente dos contidos en Facebook, Twitter e Tuenti.

Actividades por todos os concellos de Galicia

Bocaberta é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará a todos os concellos de Galicia, desde o pasado mes de outubro e ata finais deste mes, un total de 747 actividades, destinadas a fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas entre 3 e 18 anos. A música pop, a maxia, a banda deseñada, os monicreques ou as tecnoloxías da información e da comunicación constitúen os principais ingredientes das actividades de Bocaberta, que se realizan en colaboración con 14 entidades, entre as que se atopan editoriais, discográficas, empresas de dinamización propiamente dita e artistas.

Menús News node R