Román Rodríguez recibe ao alumnado do CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños)

O conselleiro coñeceu de primeira man o proxecto de innovación sobre un proceso electoral elaborado polo estudantes de ESO deste centro

Xov, 21/06/2018 - 14:53
Román Rodríguez recibe ao alumnado do CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, recibiu hoxe ao alumnado do CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños), co fin de coñecer de primeira man o proxecto de innovación sobre un proceso electoral no que participaron os estudantes de ESO deste centro e a maioría dos departamentos didácticos deste centro escolar.

Román Rodríguez felicitou aos rapaces e rapazas do CPI polo amplo e exhaustivo traballo realizado, e subliñou a importancia de iniciativas na medida en que permiten aos máis novos entrar en contacto e coñecer máis de preto as estruturas e procedementos electorais nos sistemas democráticos.

A iniciativa, que se enmarca dentro dos contratos-programa impulsados pola Xunta, ten como obxectivo achegar o alumnado aos procesos electorais, recoñecer o labor dos políticos, concienciar o alumnado da importancia de formar parte dos órganos de goberno, respectar as distintas formas de pensar e ser capaz de falar en público e defender as súas propostas, entre outros.

O proxecto levouse a práctica a través da convocatoria de eleccións estudantís no centro, cuxo proceso foi publicado no Xornal Oficial do Centro (XOC), que emula o DOG. A partires de aí configuráronse os seguintes pasos a modo dun proceso electoral real. É dicir, composición dos partidos políticos que se presentarían ás eleccións, logos das formacións, deseño dos programas electorais, preparación de debates, xornadas de formación que incluíron visitas ao Parlamento de Galicia e ao Instituto Galego de Estatística, deseño e distribución de propaganda electoral, mitins no centro e debates entre candidatos.

O proceso completouse coa celebración das eleccións, o cómputo de votos, e a análise estatística de todo o proceso. Unha vez concluído o proxecto, os alumnos iniciaron unha campaña de difusión do mesmo a través das redes sociais, dos medios de comunicación e das propias institucións, entre as que se atopa a visita de hoxe á Xunta de Galicia.