A Xunta premia con medio millón de euros os proxectos de innovación en FP realizados en 25 centros educativos públicos

O orzamento deste ano case duplica ao dirixido na anterior edición a esta convocatoria, que ten por obxecto impulsar proxectos de innovación tecnolóxica, científica e didáctica nestas ensinanzas

Sáb, 26/05/2018 - 12:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver os premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da Formación Profesional, cos que se recoñece o traballo de 25 centros públicos. O departamento educativo da Xunta destinou a esta convocatoria 500.000 euros, de tal forma que a dotación orzamentaria destes galardóns é a máis alta da súa historia case duplicando a contía dirixida aos mesmos na edición anterior.

Os proxectos presentados na modalidade A debían ter como obxectivo a innovación tecnolóxica ou científica, e a mellora de procesos de produción ou de prestación de servizos. Tiñan, así mesmo, que estar orientados a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o contorno produtivo. Ademais, estes proxectos deberían ter unha incidencia significativa na futura inserción laboral do alumnado e na súa empregabilidade, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais.

Nesta modalidade resultaron galardoados o IES Universidade Laboral (Culleredo), o CIFP Ferrolterra (Ferrol), o CIFP Compostela (Santiago de Compostela), o IES de Ortigueira (Ortigueira), o CIFP Ánxel Casal-Monte Alto (A Coruña), o CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela), o CIFP As Mercedes (Lugo), IES María Sarmiento (Viveiro), o IES Antón Losada Diéguez (A Estrada), o IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña), o IES Montecelo (Pontevedra), o IES Politécnico de Vigo (Vigo), o CIFP Manuel Antonio (Vigo) e o CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo).

Pola súa banda, na modalidade B inclúense os proxectos que teñan como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais. Tiñan, así mesmo, que estar orientados á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas, e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, potenciando o deseño de materiais didácticos, deseño de prototipos ou simuladores, laboratorios para prácticas ou maquetas, aplicacións informáticas, etc. Ademais, eses materiais deben ser doadamente trasladables a outros centros educativos onde se impartan as ensinanzas para as que foron deseñados.

Neste caso os centros galardoados foron o IES Monte Neme (Carballo), o IES Universidade Laboral (Culleredo), o CIFP Ferrolterra (Ferrol), o CIFP Coroso (Ribeira), o CIFP Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela), o CIFP Compostela (Santiago de Compostela), o CIFP Politécnico de Lugo (Lugo), o IES María Sarmiento (Viveiro), o CIFP Porta da Auga (Ribadeo), o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense), o CIFP Portovello (Ourense), o IES Pedra da Auga (Ponteareas), o IES Chan do Monte (Marín), o IES Escolas Proval (Nigrán) e o IES de Valga (Valga).