Educación formará ao alumnado para obter a certificación oficial en linguas estranxeiras no marco do programa CUALE

Os cursos terán un carácter totalmente gratuíto para os estudantes de 2º a 4º de ESO, Bacharelato e FP de centros sostidos con fondos públicos

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de xuño

A iniciativa está en marcada no Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, para mellorar as competencias lingüísticas de todas as galegas e galegos

Dom, 01/05/2011 - 12:05

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria formará a partir do vindeiro curso ao alumnado de centros sostidos con fondos públicos que desexen obter unha certificación oficial do seu coñecemento de linguas estranxeiras. Para iso desenvolverase o programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado, CUALE, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de Formación Profesional, que poderán solicitar participar nos mesmos ata o 15 de xuño.

Estes cursos, que teñen como obxectivo preparar ás alumnas e alumnos para as probas de certificación dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas de acordo co Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL), están dirixidos a estudantes de 2º, 3º e 4º de ESO, Bacharelato e ciclos de grao medio e superior de FP, dependendo de cada modalidade.

Esta iniciativa, que terá un carácter totalmente gratuíto para os estudantes, está enmarcada no Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, co que a Consellería de Educación está a dar a oportunidade a toda a cidadanía galega de mellorar as súas competencias en outros idiomas, independentemente de cal sexan os seus recursos económicos. Para iso vense de crear a primeira Rede Galega de Centros Plurilingües –que incorporou no seu primeiro ano a 58 centros e está previsto incrementalos ata polo menos 100 o vindeiro curso-, e de incrementar desde o inicio de lexislatura en 799 o número de seccións bilingües, ata chegar ás 1.519 actuais, que poderían chegar ás 1.600 no 2011/2012. Desde o inicio da lexislatura creáronse 799 seccións bilingües, ata chegar ás 1.519 actuais. Ademais este ano haberá 3.730 prazas para alumnos e 370 para profesores, co fin de que poidan mellorar as súas competencias en estadías lingüísticas, ben no estranxeiro, ben en ‘vilas inglesas’. O obxectivo da Xunta de Galicia é que ao final da lexislatura 40.000 galegas e galegos teñan aproveitado esta oportunidade de ter un ensino plurilingüe.

Modalidades e certificados

O programa CUALE desenvolverase baixo 4 modalidades diferentes, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do MCERL. Así, poderán cursar a modalidade CUALE A1 os estudantes que teñan superado todas as materias do 2º curso da ESO e que estean matriculados no 3º, mentres que a CUALE A2 está dirixido aos que superaran todas as materias de 3º da ESO e estean matriculados no 4º curso, así como aos inscritos en ciclos formativos de FP de grao medio de menos de 2.000 horas.

Pola súa banda, o CUALE B1 vai dirixido ao alumnado de bacharelato, de ciclos de grao medio de FP de 2.000 horas e de grao superior de menos de 2.000 horas, así como o que posúa o certificado do nivel básico das escolas oficiais de idiomas (EEOOII) ou outros certificados do nivel A2 do MCERL. Os cursos CUALE B2 serán para as alumnas e alumnos de bacharelato, ciclos de FP de grao superior de 2.000 horas, e para os que dispoñan do certificado do nivel intermedio das EEOOII o outros certificados do nivel B1 do MCERL.

Avaliación e certificación

A formación terá a duración dun curso escolar, con 3 ou 4 períodos lectivos semanais fóra do horario lectivo. O profesorado encargado de impartila, docentes de ensino secundario de lingua estranxeira, realizará probas ao remate do curso en cada nivel. A superación destas probas suporá a expedición por parte do centro dun certificado, no caso do nivel básico do CUALE A1, ou dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación que se realizarán nas EEOOII, no resto das modalidades. Para a obtención do certificado oficial dos niveis básico, intermedio ou avanzado será necesario que os estudantes superen as probas específicas que as EEOOII realizan cada ano.

Cómpre lembrar que máis de 29.000 galegas e galegos tiveron xa este curso 2010/2011 a oportunidade de mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras grazas ás diferentes iniciativas impulsadas no marco do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, polo que estes cursos dan resposta á demanda destas persoas para acreditar de forma oficial os seus coñecementos.