O conselleiro de Educación apoia o I Festival didáctico de cine de animación Anirmau’11 organizado polo IES Ramón Mª Aller Ulloa

Xesús Vázquez Abad asistiu hoxe á proxección de varias curtas no marco deste certame, que se celebra grazas ao esforzo do IES

O instituto lalinense busca con esta iniciativa fomentar o uso pedagóxico do audiovisual

Sáb, 30/04/2011 - 11:55
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asist
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu ao I Festival Didáctico Internacional de Cine de Animación ANIRMAU’11, organizado polo IES Ramón Mª Aller Ulloa.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, apoiou hoxe coa súa asistencia o I Festival Didáctico de Cine de Animación ANIRMAU’11 , organizado polo IES Ramón Mª Aller Ulloa, de Lalín. Acompañado pola directora do centro, Juana Mouriño Otero, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia asistiu á proxección de varias curtas da sección multimedia deste certame, no Museo Ramón Mª Aller Ulloa.

Desta forma a Consellería de Educación dá mostra da súa aposta pola innovación educativa e o aproveitamento didáctico de recursos culturais tan importantes como o cinema, e presta o seu apoio ao esforzo realizado polo instituto lalinense

Didáctica do audiovisual

Este Festival Didáctico de Cine de Animación nace como unha proposta pedagóxica que pretende fomentar os contidos audiovisuais nas ensinanzas de secundaria. Para isto o IES Ramón Mª Aller Ulloa apóiase no ámbito da animación, de grandes posibilidades plásticas e creativas, especialmente nas materias relacionadas coas ensinanzas artísticas.

O certame, no que se inscribiron 232 proxectos, permite ademais difundir ao público xeral produtos audiovisuais que adoitan a visualizarse só en festivais, e acadar un aproveitamento didáctico destes recursos fílmicos. Neste sentido búscase estimular a curiosidade, propoñendo o traballo de contidos para as diferentes materias do sistema educativo, así como invitando a formar un pensamento crítico, directo e consciente das propostas visuais propostas no certame.

O festival, que se celebra desde o 25 de abril, rematará hoxe coa gala de entrega de premios nas modalidades de Mellor Curtametraxe, Mellor Multimedia, Mellor Curtametraxe Galega e Premio do Público; e das mencións espaciais nas modalidades á Mellor Música, Especial do Xurado, Mellor Curtametraxe Europea, Mellor Curtametraxe Española, Mellor Curtametraxe de Graduación, e Mellor Curtametraxe Infantil.