A Consellería de Educación impulsa a aprendizaxe de linguas co regulamento da rede de centros plurilingües e seccións bilingües

É a primeira vez que se regulan por Orde estas ferramentas para o fomento do plurilingüismo

Os centros educativos terán de prazo ata o 31 de maio para solicitar participar nestas iniciativas

En ambos os casos desenvolverase un proceso de avaliación para a mellora da calidade do ensino

O Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras permitirá que a final de lexislatura 40.000 estudantes teñan cursado un ensino plurilingüe, con independencia dos seus recursos económicos

Sáb, 30/04/2011 - 11:43

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de dar un forte impulso á aprendizaxe de linguas estranxeiras entre o alumnado galego co regulamento dos centros plurilingües e seccións bilingües que funcionan nos centros de ensino da Comunidade Autónoma. Desta forma o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad regula por primeira vez as características, obxectivos e requisitos da rede de centros plurilingües e seccións bilingües, ferramentas enmarcadas no Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Cómpre lembrar que este plan, posto en marcha polo actual goberno da Xunta de Galicia, ten como obxectivo por a disposición de todas as galegas e galegos un ensino de calidade que faga posible que aqueles cidadáns que desexen mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras poidan facelo, con independencia dos seus recursos económicos. No seu primeiro ano de aplicación, o curso académico 2010/2011, un total de 29.000 estudantes contan xa cun ensino plurilingüe, e está previsto que esta cifra acade os 40.000 a final de lexislatura.

Definición e obxectivos

Ao abeiro das Ordes reguladoras, que serán publicadas nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG), quedan establecidos como centros plurilingües aqueles nos que se impartan nunha lingua estranxeira áreas ou materias non lingüísticas, de educación primaria ou secundaria obrigatoria, cunha carga horaria total impartida en lingua estranxeira de ata o máximo dun terzo do horario lectivo do grupo.

Pola súa banda consideraranse seccións bilingües as que impartan a ensinanza dunha área ou materia non lingüística da educación primaria, da secundaria obrigatoria ou bacharelato, ou dun módulo de Formación Profesional Específica, que se curse nun nivel por un grupo de alumnos dun xeito bilingüe. O enfoque será o coñecido como ‘AICLE/CLIL’ (aprendizaxe integrada de contidos e linguas), é dicir na lingua cooficial que corresponda, segundo a normativa vixente, e nun mínimo do 50 % nunha lingua estranxeira falada na Unión Europea, que estea ademais a ser cursada como lingua estranxeira polo grupo beneficiado pola sección.

Ambas as dúas ferramentas teñen por obxectivos fomentar a pluralidade lingüística e cultural nos centros educativos, mellorando o dominio efectivo en linguas estranxeiras do alumnado galego para lograr a súa plena integración nun contexto cultural e económico globalizado. Ademais preténdese promover o desenvolvemento dun currículo integrado das linguas para favorecer a transferencia dos coñecementos e as competencias en ambas as linguas.

Certificación para o alumnado

Co fin de dar conta do seu paso por estas aulas, os estudantes que teñan cursado estudos en centros plurilingües recibirán ao remate de cada etapa unha certificación da dirección do centro de que realizou nun destes colexios ou institutos os estudos correspondentes, con indicación da etapa e a lingua estranxeira, que figurará ademais no historial académico do alumno e no informe individualizado no caso de traslado a outro centro. No caso das seccións, ao remate de cada curso o alumnado que sexa cualificado positivamente na área, materia ou módulo obxecto da Sección Bilingüe recibirá unha credencial oficial expedida polo centro conforme participou nesta actividade, que se fará constar tamén no seu historial académico.

Para poder beneficiarse deste plan as alumnas e alumnos só terán que estar matriculados nun colexio ou instituto sostido con fondos públicos que pertenza á Rede de Centros Plurilingües, ou que conte cunha sección bilingüe.

Profesorado cualificado

A Consellería de Educación dá especial importancia á docencia tanto en centros plurilingües como en seccións bilingües, polo que nas devanditas Ordes quedan regulados os requisitos que deberá reunir o profesorado implicado nestas iniciativas, nomeadamente acreditar que dispón do nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Estes docentes deberán ademais colaborar na elaboración da programación de contidos, actividades e materiais currículos específicos de apoio en lingua estranxeira.

Ademais queda establecida a figura do profesor coordinador, un por cada centro plurilingüe ou sección bilingüe, que realizará un seguimento semanal e a coordinación do equipo de docentes que formen parte do programa plurilingüe ou de seccións bilingües. O devandito profesorado deberá coordinar a elaboración do proxecto lingüístico e do currículo integrado no marco do proxecto educativo e promover a colaboración entre os centros que formen parte da Rede. O docente coordinador será tamén o encargado de, de ser o caso, dirixir e orientar o labor das persoas nativas que prestan o seu apoio ao programa (auxiliares de conversa ou profesores sénior).

As profesoras e profesores implicados nestas iniciativas deberán participar nas actividades para a formación inicial e continua deseñadas e impulsadas pola Consellería de Educación dentro do seu Plan de Formación. Ademais no espazo web de linguas estranxeiras ofertaranse recursos específicos e información relativa ao ensino CLIL/AICLE. A docencia e coordinación de centros plurilingües e seccións bilingües será recoñecida pola Administración educativa cunha certificación.

Solicitude e requisitos

Os colexios e institutos que desexen entrar a formar parte da Rede de Centros Plurilingües de Galicia – os que xa o son non precisan renovar a solicitude- deberán solicitalo diante da Consellería, presentando un Proxecto de desenvolvemento do programa plurilingüe en cada un dos cursos da etapa para a que se propoña, con indicación do curso ou cursos e áreas e materias de aplicación no curso 2011-2012 e planificación da extensión na etapa nos seguintes cursos. Cómpre lembrar que estes centros deben iniciar a impartición do programa de plurilingüismo no primeiro curso de cada etapa e desenvolvelo ao longo da mesma. Ademais os aspirantes deberán facilitar información relativa á experiencia en plans e programas relacionados coas linguas estranxeiras nos que participou o centro e a relación do profesorado que estará implicado neste proxecto, xunto coa súa acreditación lingüística.

No caso dos centros que desexen iniciar a implantación de seccións bilingües, ou implantala en novos cursos - a renovación dos xa implicados é automática- deberán facer a correspondente solicitude. para iso deberase xuntar un proxecto de participación no plan, no que se recollan, entre outros aspectos o profesorado e alumnado participante; os obxectivos propostos e os contidos; etapas e cursos nos que se desenvolverá; áreas, materias ou módulos; estratexias metodolóxicas, pautas para a avaliación do proxecto e a relación do profesorado cualificado que participará na sección.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 31 de maio de cada ano escolar, e a resolución será publicada no DOG.

Avaliación da calidade

Os centros plurilingües establecerán na súa programación xeral anual os mecanismos de seguimento e avaliación do programa plurilingüe que permitan valorar os resultados obtidos e establecer, cando cumpra, propostas de mellora, que deberán reflectirse na memoria final de cada curso.

Ao remate de cada etapa educativa, co fin de verificar o grao de dominio da lingua estranxeira, levarase a cabo a avaliación do alumnado participante no programa plurilingüe

Pola súa banda a Administración educativa, tanto nos centros plurilingües como nas seccións bilingües, levará a cabo o seguimento e posterior avaliación dos proxectos co fin de verificar a súa realización, a calidade e os resultados obtidos, no marco das estratexia de avaliación para a mellora da calidade do ensino que a Consellería desenvolve nos seus proxectos.