Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego para o ano 2018

Xov, 24/05/2018 - 08:45

Xúntase a Orde do 30 de abril de 2018, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

  • Prazo de presentación de solicitudes:  do 25/05/2018 ao 25/06/2018

Cal é o obxecto destas axudas?

A formación de persoal investigador doutor mediante a  súa contratación por algún dos centros citados no apartado seguinte. Estas axudas teñen dúas modalidades:

  • Modalidade A: axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral, dun total de tres anos, consistentes no financiamento dun contrato de estadía de dous anos no estranxeiro e dun ano na Comunidade Autónoma de Galicia ao retorno da dita estadía.

Como novidade desta convocatoria, as solicitudes presentadas por unha universidade do SUG que propoñan persoas candidatas de nacionalidade española que presenten un plan de estadías de dous anos en EUA optarán a contar co apoio da Comisión Fulbright e ter a condición de bolseiras Fulbright.

  • Modalidade B (presentadas por universidades do SUG): axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral, dun total de dous anos, co obxecto de dar continuidade á formación e establecer unha traxectoria investigadora propia, para o persoal investigador que obtivo unha praza nunha universidade do SUG na modalidade A e que acadara unha avaliación positiva, nos seguintes casos:
    • Aquelas persoas investigadoras que obtiveron unha axuda de formación inicial na convocatoria do ano 2014 que permaneceron no programa ata o 28 de abril de 2018.
    • Aquelas persoas investigadoras do ano 2013 que, por circunstancias especiais, tivesen concedido o aprazamento da avaliación.

Quen pode solicitar estas axudas?

A Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financia as universidades do Sistema universitario de Galicia (en diante SUG).

Gain financia os organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e o IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia.

Tipo e intensidade da axuda

  • Tipo de convocatoria: convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.
  • Tipo de axuda: axuda a fondo perdido.
  • Intensidade da axuda: 100 %.
  • Duración das axudas: un máximo de 3 anos.
  • Orzamento total: 9.138.800 euros (o orzamento da Secretaría Xeral de Universidades será de 8.306.000 euros e o da Gain será de 832.800 euros).

Número e importe das axudas

O número e importe máximo das axudas concedidas para o financiamento dos contratos laborais (incluíndo os seus custos sociais) é o seguinte:

Modalidade A: 51 axudas (a previsión inicial é de 45  axudas para o SUG, das cales ata 10 poden obter a condición de bolseiras Fulbright, e 6 para as demais entidades). Os importes destas axudas son:

  • Na fase de estadía:
    • 34.680 euros brutos en concepto de salario e custos sociais se o destino da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1).
    • 42.000 euros brutos en concepto de salario e custos sociais se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás EUA e Canadá (zona 2).
    • 48.400 euros brutos en concepto de salario e custos sociais se o destino da estadía está nos EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3).
    • Nesta fase establécese un complemento de 1.500 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas. Este complemento ten por obxecto cubrir, ademais dos gastos asociados á contratación, os custos por cada persoa contratada da subscrición dun seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto fosen insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.
  • Na fase de retorno:
    • Un máximo de 38.000 euros anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.
    • Un complemento a cada unha das entidades beneficiarias que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.

Modalidade B: 20 axudas

  • Un total de 38.000 euros anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.
  • Unha axuda complementaria por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación coa seguinte desagregación por anualidades: 5.000 euros en 2018, 10.000 euros en 2019 e 10.000 euros en 2020.
  • Un complemento a cada unha das universidades beneficiarias que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.

A onde acudir?

  • Para solicitudes presentadas por universidades do SUG:

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Secretaría Xeral de Universidades
Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica
Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación
San Caetano, s/n 15781
Santiago de Compostela
Teléfono: 881995152 / 881995157
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal

  • Para as demais entidades solicitantes indicadas (alleas ao SUG):

Consellería de Economía, Emprego e Industria
Axencia Galega De Innovación
Praza de Europa (Área Central), 10A, 6º piso
15707 Santiago de Compostela
Teléfono: 881999213 Fax: 981541039
Email: axudas.gain@xunta.gal
Información web: http://gain.xunta.gal