Bocaberta propón unha semana de maxia e banda deseñada en galego para celebrar as 700 actividades do programa

A iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, dirixida a promover o uso do galego entre os máis novos, prepara a recta final da edición 2010-2011

Os trucos de Abrapalabra e Atrapado na torre, e o cómic de Ti creas a historia son as propostas para os próximos días

Mar, 03/05/2011 - 13:30
Bocaberta propón unha semana de maxia e banda deseñada en galego para celebrar a
Bocaberta propón unha semana de maxia e banda deseñada en galego para celebrar as 700 actividades do programa

O programa de dinamización lingüística Bocaberta proponlle á xente miúda unha semana co mellor da maxia e da banda deseñada en galego. Faino para celebrar as 700 actividades do programa, co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca promover o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos. Ao mesmo tempo, Bocaberta xa está a preparar a recta final do programa, que rematará a final deste mes logo de percorrer todos os concellos de Galicia con 747 accións pensadas para o lecer, en lingua galega, dos máis novos.

Durante esta semana, a maxia será unha das protagonistas de Bocaberta, a través de Abrapalabra. Logo de pasar onte pola Mezquita e pola Gudiña, o espectáculo do mago Carlos Coira visita hoxe Vilariño de Conso, mañá estará en Carballeda de Valdeorras, o xoves realizará novas paradas en Rubiá e Vilamartín de Valdeorras e o venres chegará ao Incio e Bóveda. Esta proposta, dirixida aos nenos e nenas de 3 a 11 anos, pretende amosar  toda a maxia que hai na lingua e, ao mesmo tempo, ensinarlles trucos sinxelos e divertidos aos rapaces e rapazas.

Tamén é a maxia o eixo central de Atrapado na torre, un espectáculo de Chrystian Magic que visitará os concellos de Touro e Boqueixón o sábado. A proposta, destinada a pequenos e pequenas dos 9 aos 12 anos, pretende vencellar a lingua galega con espazos de diversión abertos á fantasía e, á vez, transmitir valores como os do esforzo, o traballo e a constancia para conseguir os soños de cada un.

A banda deseñada é a protagonista de hoxe en Trazo e o venres en Bueu, da man do debuxante Anxo Fariña, encargado de levar a cabo o obradoiro Ti creas historia. Esta iniciativa, destinada a escolares de 12 anos, amósalles aos rapaces e rapazas como se crea un cómic, desde a idea orixinal á impresión final.

Localizacións, horarios e novidades, a través da Rede

As actividades de Bocaberta visitarán esta semana os concellos da Mezquita, Trazo, A Gudiña, Vilariño de Conso, Carballeda de Valdeorras, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, Bueu, o Incio e Bóveda. As localizacións e horarios están dispoñibles en internet, a través  do boletín electrónico semanal do programa, accesible desde a páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, http://www.xunta.es/linguagalega. Ademais, Bocaberta conta con canles de actualización permanente dos contidos en Facebook, Twitter e Tuenti.

Actividades para os nenos e nenas de todos os concellos

Bocaberta é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a percorrer, desde o pasado mes de outubro, todo os concellos de Galicia con actividades pensadas para promover o uso do galego entre os máis novos. Ata finais deste mes, levará un total de 747 actividades polas catro provincias galegas baseadas na música pop e tradicional, na maxia, na banda deseñada, nos monicreques ou nas novas tecnoloxías.

Para a execución destas actividades, a Secretaría Xeral de Política Lingüística conta coa colaboración de 14 entidades, entre as que se atopan editoriais, discográficas, empresas de dinamización propiamente dita e artistas.

Menús News node R