Ábrese o prazo para solicitar as axudas para a adquisición de libros e material escolar e o acceso ao fondo solidario

Unha das principais novidades é a posibilidade de que as familias tamén poidan presentar as solicitudes de xeito telemáticoA convocatoria estará aberta ata o 22 de xuño
A convocatoria estará aberta ata o 22 de xuño
Mantense a axuda de 250 euros para o alumnado matriculado en educación especial.
Lun, 21/05/2018 - 10:39

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende mañá ata o próximo día 22 de xuño (incluído). A convocatoria pode consultarse no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180521/AnuncioG0164-110518-0001_gl.html .

O importe total habilitado pola Consellería para o financiamento das axudas e do fondo solidario ascende a case 12,6 millóns de euros a razón de 5,4 millóns para os vales de material escolar, 4,6 millóns para as axudas  de libros de texto, e 2,6 millóns para a adquisición –por parte dos centros educativos- de libros de texto complementarios aos existentes no Fondo Solidario, co fin de garantir a súa dispoñibilidade ao alumnado con nivel de renda que lle dea dereito ao citado fondo.

As solicitudes poderán presentarse por primeira vez por vía electrónica empregando a aplicación informática “fondolibros” ((https://www.edu.xunta.es/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

Axudas á compra

As axudas da Consellería para a compra de libros están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e o alumnado matriculado en Educación Especial.

Os requisitos de renda e as contías das axudas son as seguintes:

Educación Primaria:

  • Renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400,00 euros: 170 euros
  • Renda per cápita familiar superior a 5.400,01 e igual ou inferior a 9.000: 90 euros

Así mesmo, mantense que, o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 250 euros, con independencia da renda per cápita familiar.

Ademais, os menores de 1º e 2 de Primaria que se encontren en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirán a axuda máxima (170 euros), e non terán que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

Fondo solidario

No caso do Fondo solidario de libros de texto estará accesible para o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que nos tres anos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terán preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

De darse o caso de non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario para dar unha cobertura igual á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas, o centro adquirirá os libros complementarios que sexa necesario. O obxectivo é garantir que o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 5.400 euros e o que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) teña garantido o acceso a 6 libros, e que o que teña renda per cápita de entre 5.400,01 euros e 9.000 acceda a 4 manuais.

Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario, ou recibir as axudas para libros ou material escolar, ter devolto os libros dos cursos anteriores.

Procedemento máis sinxelo

A nova convocatoria establece un procedemento máis sinxelo e áxil para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo matriculado nestes cursos e que, a xuízo do centro, non poida empregar libros de texto ou material dispoñible. De constatarse esta circunstancia, poderá expedirse un vale (segundo o curso e o nivel de renda), para adquirir os libros ou material didáctico complementario e específico que o centro determine en cada caso.

Axudas para material escolar

O destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en educación primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400 euros, e a contía da axuda será de 50 euros.

O alumando en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de educación especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.

Datos curso 2017/18

No curso 2017/2018 concedéronse un total de 28.034 axudas á adquisición de libros de texto e 99.759 axudas para a adquisición de material escolar. Ademais, o fondo solidario de libros de texto distribuíu un total de 640.130 manuais, dos que só foi necesario adquirir o 12,41%.

En definitiva, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chegou este ano co programa de Gratuidade Solidaria para libros de texto a case 138.164 alumnos, ben a través do fondo (110.130), ben das axudas (28.034).