Once centros educativos expoñen os seus proxectos na II Feira ‘Piteas’

Trátase dun programa de formación e mentoring para o desenvolvemento do talento promovido pola fundación Barrié en colaboración coa Consellería de Educación
O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, visitou os stands para coñecer de cerca o resultado dos proxectos desenvolvidos
Ven, 04/05/2018 - 18:21

Un total de once centros educativos de toda Galicia participan hoxe na II Feira Piteas que se desenvolve esta tarde na Cidade da Cultura de Galicia, onde exhiben e presentan os resultados dos seus proxectos en diferentes formatos a todos os membros da comunidade educativa.

O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa da Xunta, Manuel Corredoira, acompañado da vicepresidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero Vázquez-Gulías, e da directora de Programas, Carmen Arias Romero, visitou hoxe os stands da segunda edición deste evento, co que se pretende dar visibilidade aos traballos realizados e brindar aos rapaces a oportunidade de converterse non só nos protagonistas, senón tamén, nos auténticos expertos, expoñendo eles mesmos os produtos dos seus proxectos.

Piteas é unha iniciativa promovida pola Fundación Barrié coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a participación da Unidade de Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela, que naceu en maio de 2016 como un proxecto de mellora da formación do profesorado e de apoio e asesoramento aos centros educativos na detección e educación do talento do alumnado.

O obxectivo principal deste  programa é potenciar o talento nas aulas a través da implantación dun modelo de enriquecemento para todo o alumnado, baseado no modelo SEM (Schoolwide Enrichment Model), de Renzulli e Reis, da Universidade de Connecticut, adaptándoo á nosa realidade educativa e, especialmente, seguindo as directrices europeas no relativo ao desenvolvemento das competencias clave.

O programa inclúe un plan de formación do profesorado, a implantación de proxectos na aula, a presentación e difusión de ditos proxectos, e unha investigación da USC que inclúe a avaliación das competencias do alumnado.

A filosofía SEM , a investigación e a ciencia, a oratoria, o debate e a comunicación son algunhas das liñas de traballo por proxectos do profesorado dos centros educativos participantes en PITEAS no período 2016-2020.