O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ homenaxea a María Victoria Moreno
Faino coa proposta Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, de Matrioshka Teatro, que bota a andar hoxe cunha función especial no IES de Vilalonga, onde a escritora deu clase
A sesión de estrea asistiu o secretario xeral de Política Lingüística
Ven, 20/04/2018 - 15:30

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu esta mañá á sesión inaugural da actividade de dinamización lingüística Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, con que a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) que el preside lle rende homenaxe á autora a quen se lle dedicará este ano o Día das Letras Galegas. A actividade percorrerá 10 concellos da Rede no marco do programa de Dinamización Lingüística FalaRedes 2018.

Valentín García explicou que FalaRedes é un programa centrado na oferta de ocio en galego para toda a poboación e, dunha maneira especial, para a infancia e a mocidade, “que ten nas súas mans o futuro da lingua”. “Ese obxectivo mantense con esta actividade, que ademais nos permite renderlle homenaxe a unha autora que se dirixiu fundamentalmente aos nenos e nenas e mais aos adolescentes, por quen sentía unha predilección especial como escritora e como profesora”. Precisamente isto é o que, en palabras do secretario, “explica que poñamos a andar Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos nunha sesión especial que se desenvolve nun dos institutos galegos onde ela impartiu docencia e a cuxo alumnado lle dedicou a súa obra máis coñecida”.

O secretario xeral de Política Lingüística estivo acompañado pola concelleira de Educación, Cultura e Mocidade de Sanxenxo, Paz Lago.

Señora que pasea pola rúa

Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos é unha peza teatral de Matrioshka Teatro dirixida a público xeral a partir dos 14 anos e centrada en difundir a vida, obra e pensamento de María Victoria Moreno. Vai seguida dun coloquio no que se convida a participar ao público asistente, co que se promoven asemade o diálogo en galego e un coñecemento máis profundo da escritora.

A actividade pasará a partir de hoxe por 10 concellos da Rede de Dinamización Lingüística. En Sanxenxo, ademais da sesión especial desta mañá no IES de Vilalonga, haberá un segundo pase para todo o público ás 21:00 horas no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán. Mañá, Señora que pasea polas rúas con dous cans preciosos fará parada no Auditorio Municipal “Ángel Cocho” de Xinzo de Limia ás 19:30 horas.

Nas próximas semanas, e ata o domingo 6 de maio, esta peza teatral chegará tamén a Vilagarcía de Arousa, Boqueixón, Valga, Viveiro, Boiro, Noia e O Carballiño. O calendario completo pode verse no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes).

FalaRedes 2018

A oitava edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Neste momento, hai en marcha dúas actividades, Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos e o concerto de música infantil Enredando con Pakolas. Ata finais de ano iranse incorporando novas propostas que percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas.