Galicia, Aragón, Asturias, Castela - A Mancha e Castela e León comparten experiencias sobre o ensino rural

O conselleiro Román Rodríguez participa en Zaragoza nunha xornada de traballo para poñer en común os diferentes proxectos educativos e explorar posibles vías de colaboración conxunta entre territorios

Avoga por blindar a igualdade de oportunidades do alumnado, con independencia do lugar onde resida, e por un sistema de financiamento que teña en conta o elevado custe dos servizos complementarios

Ven, 13/04/2018 - 13:58
Galicia, Aragón, Asturias, Castela - A Mancha e Castela e León comparten experiencias sobre o ensino rural

As comunidades de Galicia, Aragón, Asturias, Castela-A Mancha e Castela e León participan este venres nunha xornada de traballo centrada no ensino rural co fin de intercambiar experiencias de éxito e ideas, establecer sinerxías e explorar posibles vías de colaboración conxunta entre os cinco territorios. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu este encontro xunto cos seus homólogos de Aragón, María Teresa Pérez Esteban; de Asturias, Genaro Alonso; de Castela-A Mancha, Ángel Felpeto; e de Castela e León, Fernando Rey.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia aplaudiu este tipo de reunións e lembrou a mantida o pasado xaneiro en León, xunto a Asturias e Castela e León, con quen a comunidade galega mantén “similitudes sociodemográficas, como é o problema demográfico e a dispersión da poboación, que afectan directamente á prestación dos servizos educativos,” manifestou. Román Rodríguez lembrou que, dos 313 municipios galegos, 258 teñen menos de 10.000 habitantes e neles residen pouco máis de 72.000 alumnos, o 20% do total. “Esta realidade significa medios, forte investimento e, sobre todo, traballo pola igualdade de oportunidades”, recalcou.

Neste sentido, defendeu a necesidade de garantir a sustentabilidade do ensino rural tanto a nivel financeiro como no tempo, sempre baixo unha máxima: “todos os alumnos deben gozar das mesmas oportunidades, con independencia do lugar onde residan”, explicou. En consecuencia –proseguiu–, o sistema de financiamento debe ter en conta as particularidades derivadas do territorio, da demografía e, no ámbito concreto da educación, do elevado custe que supón a prestación dos servizos complementarios, nomeadamente transporte e comedor escolar.

Equidade e cohesión social

Dentro do contexto actual para a consecución dun Pacto social e político pola educación –en torno ao que animou a sumar para lograr un gran acordo duradeiro no tempo–, Román Rodríguez lembrou que Galicia consolidou unha “senda de calidade e equidade bastante satisfactoria”. Neste contexto recordou que o sistema educativo galego é o máis equitativo do Estado e o segundo con menor nivel de segregación escolar por nivel socioeconómico, situado á altura de Finlandia ou Suecia.

Tamén se fomenta a inclusión (o 91,9% dos alumnos con necesidades educativas especiais estudan en centros ordinarios) e se aposta por reducir o abandono educativo temperán de xeito decisivo: 2017 pechou cunha taxa do 14,9%, dez puntos menos que en 2009. “E os nosos programas de innovación, como plurilingüismo, libro dixital, STEM ou as bibliotecas escolares, non só fomentan a calidade nas aulas, senón que exercen de panca de cohesión social, e territorial”, concluíu.

Na xornada tamén participaron o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

Declaracións do conselleiro