As obras de ampliación do CEIP Laverde Ruíz, en Outeiro de Rei, comezarán este verán

O conselleiro Román Rodríguez mantivo unha reunión de traballo co equipo directivo do centro para dar a coñecer a actuación que suporá a creación de 8 novas aulas de primaria, e cuxo investimento ascende a 1 millón de euros

Á xuntanza tamén asistiron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde da localidade, José Pardo

Ven, 06/04/2018 - 10:41
As obras de ampliación do CEIP Laverde Ruíz, en Outeiro de Rei, comezarán este verán

A Consellería de Educación está ultimando adxudicación da ampliación do CEIP Laverde Ruíz, en Outeiro de Rei, cuxas obras comezarán este verán e suporán 1 millón de euros de investimento.

Así llo trasladou esta semana o conselleiro Román Rodríguez ao equipo directivo do centro, nunha xuntanza de traballo que tivo lugar nas instalacións do propio colexio e á que tamén asistiron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde da localidade, José Pardo.

Román Rodríguez sinalou que, con esta nova ampliación, o seu departamento está atendendo as necesidades educativas deste concello, e dando unha solución ao incremento de demanda rexistrada nos últimos anos neste centro escolar.

Precisamente, tendo en conta o incremento no número de alumnos, nos anos 2014 e 2015 ampliouse o aulario de infantil con 3 novas aulas. Este aumento de alumnado de infantil trasládase agora a primaria para o vindeiro, polo que é necesario ampliar o edificio de primaria nunha planta máis ata completar a liña dúas, e dicir, dúas aulas por grupo.

Descrición das obras

Os técnicos da consellería explicaron que a actuación abrangue a demolición da cuberta do edificio principal para construír unha segunda planta na que habilitar oito aulas máis, despacho e aseos adaptados, nunha superficie de 806 metros cadrados.

Xunto coa suma dunha segunda planta, o outro gran cambio do edificio xurdirá da nova formulación da cuberta, que cubrirá completamente o patio interior,  sobreelevada esta sobre a cuberta dos espazos educativos, xerando un lucernario perimetral que evitará que se reduza a iluminación na zona central.  Os ventanais de peche dos corredores cara ao patio substituiranse por varandas, transformando o patio nun espazo comunicado e aberto.

O proxecto obriga a modificar tamén outras dotacións, como o incremento de medidas de protección contra incendios, para o que se construirá unha escaleira exterior de seguridade e bocas de incendio equipadas en cada planta e no exterior.

Na planta baixa reordenaranse espazos para ampliar o corredor que conduce ao polideportivo e zonas de xogo, cunha baixada ao exterior con escaleira e rampla adaptada, reorganizaranse os aseos e ampliarase a sala de profesores.

No que respecta ao equipamento, tamén se instalará unha nova caldeira de gasoil,   procurando un mellor control e rendemento do sistema, así como  tomas informáticas de voz e datos  e todos os servizos necesarios.