Educación publica a convocatoria para a incorporación de novos centros plurilingües no curso 2018/19

Ábrese tamén o prazo para seguir estendendo o plurilingüismo ás etapas de infantil e bacharelato, tras a experiencia inicial do curso actual

Os centros teñen ata o 30 de abril para remitir as súas solicitudes

Mar, 03/04/2018 - 15:52

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar na súa páxina web (http://www.edu.xunta.gal/portal/) tres convocatorias para seguir estendendo no curso 2018/19 o ensino plurilingüe nos centros galegos, tanto na Rede de centros plurilingües (primaria e secundaria) como na etapa de infantil e bacharelato. Os centros teñen de prazo ata o 30 de abril para remitir as súas solicitudes.

Cómpre lembrar que, no curso actual 2017/18, e grazas ao desenvolvemento da Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020, EDUlingüe, un total de 83 centros educativos ampliaron o plurilingüismo a infantil (denominado Plurinfantil), 4 introducírono en bacharelato (Pluribach) e, tamén por primeira vez, puxéronse en marcha 12 ciclos formativos plurilingües. En concreto, o número total de centros plurilingües ascende xa a 322. 

Plurilingüismo en Bacharelato

O Pluribach ten como finalidade promover no alumnado unha preparación máis profunda e especializada no idioma obxecto do programa, así como un achegamento máis específico ás diferentes materias que compoñen o currículo.

Deste xeito, o alumnado cursará materias curriculares ata 1/3 no idioma estranxeiro, así como unha materia extracurricular, en 1º e 2º curso, cunha carga horaria lectiva semanal de dúas ou tres horas. O horario, en lugar de 32 períodos lectivos, pasa a ser de 34 ou 35. Ademais, contará con actividades complementarias de formación organizadas polo centro como charlas, obradoiros ou proxectos cunha duración estipulada, ao longo dos dous cursos, de 40 horas. Así mesmo, terá á súa disposición un maior número de auxiliares de conversa. O obxectivo é que os mozos e mozas dispoñan de formación específica e facilidades para poder chegar a certificar o nivel B2 ao remate da etapa, ben a través das EOI ou das entidades certificadoras acreditadas.

En canto ao profesorado que imparta áreas ou materias non lingüísticas en lingua estranxeira, deberá ser especialista da materia que vaia impartir en lingua estranxeira, ou estar en posesión da habilitación correspondente. Ademais, deberá acreditar, cando menos, un nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).

Plurilingüismo en educación Infantil

Por outro lado, tamén se abre a convocatoria para que os centros que pertencen á Rede de centros plurilingües poidan estender o modelo plurilingüe ao segundo ciclo de educación Infantil. En Plurinfantil, o alumnado cursará áreas curriculares ata 1/3 no idioma estranxeiro, cun enfoque lúdico e partindo do traballo en grupo. Dispoñerá de actividades extraescolares e complementarias, así como do apoio de auxiliares de conversa. O profesorado, que debe ter como mínimo nivel B2 ou equivalente, contará con plans específicos de formación no centro.

EDUlingüe: máis oferta, máis formación

Tras o éxito do Plan de potenciación das linguas estranxeiras desde o ano 2010, cómpre destacar que a nova estratexia pretende alcanzar os 500 centros plurilingües en 2020, crear 600 novas seccións bilingües e duplicar o número de auxiliares de conversa ata chegar aos 1000. Ademais, e co fin de recoñecer os coñecementos do alumnado, este mesmo curso promoverase que certifiquen o seu nivel de idioma ao remate de ESO e Bacharelato. Así mesmo, xa está en marcha un plan de formación específico sobre linguas estranxeiras para o profesorado.