A Consellería de Educación recibiu arredor de 20 ofertas para os concursos de equipamento para o Proxecto Abalar

A estratexia de integración das TIC no sistema educativo de Galicia beneficiará este curso a 31.500 alumnas e alumnos

O proxecto estenderase no curso 2011/2012 ás aulas de 6º de Primaria e 2º de ESO

Mér, 27/04/2011 - 13:47

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de recibir arredor de 20 ofertas presentadas por empresas para participar nos concursos de equipamento do Proxecto Abalar para o vindeiro curso 2011/2012. O desenvolvemento do Proxecto Abalar sigue a bo ritmo e xa está moi avanzada a súa segunda fase.

O vindeiro curso académico máis de 31.500 alumnas e alumnos galegos beneficiaranse da estratexia de  integración das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no sistema educativo impulsada pola Xunta de Galicia, que duplicará o número de aulas, ao incorporar novos centros e estender a súa área de actuación a 6º de primaria e 2º da ESO nos centros que este ano participaron  con 5º de Primaria e 1º da ESO.

Nestes días a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a recibir as propostas de diferentes empresas para a subministración dos netbooks para o alumnado, os portátiles para o posto do profesor, os armarios de carga, e a rede WIFI. "

Unha vez finalizados os prazos de recepción das ofertas en cada un dos procedementos, a Consellería de Educación comezará o proceso de valoración das mesmas, de acordo co estipulado na Lei de Contratos do Sector Público (LCPS), baixo o criterio de total transparencia.

Grazas a esta nova dotación, o Proxecto Abalar continúa a medrar en Galicia, ofrecéndolle ao alumnado a oportunidade de se formar no uso das TIC, e no seu aproveitamento como recurso didáctico.