Preto de 150 docentes amplían a súa formación sobre inclusión e atención á diversidade

Entidades especialistas, así como profesionais en proxectos deste ámbito, ofreceron conferencias e actividades para promover un coñecemento máis detallado sobre esta realidade entre o profesorado

Un total de 135 centros educativos contan xa cun plan de formación permanente do profesorado na liña específica de Escola inclusiva e Atención á diversidade

Dentro deste contexto, Galicia creará unha nova materia de libre configuración autonómica, Sociedade inclusiva, para 1º e 2º de ESO, a primeira destas características en toda España

Sáb, 17/03/2018 - 12:00
Preto de 150 docentes amplían a súa formación sobre inclusión e atención á diversidade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe á xornada de formación sobre educación inclusiva, que congregou a preto de 150 docentes de toda Galicia co obxectivo de ampliar os seus coñecementos neste ámbito e divulgar as boas prácticas. Nesta xornada participaron, ademais, entidades especialistas na atención á diversidade, así como diferentes profesionais que impartiron conferencias e ofreceron actividades para dar a coñecer proxectos inclusivos sobre alumnado con TEA (Trastorno do Espectro Autista) ou TDAH  (Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade).

Esta xornada, que se enmarca no plan anual de formación do profesorado que pon en marcha todos os cursos a Consellería, componse de 8 horas presenciais de duración.  A maiores, tamén está previsto organizar outros dous eventos formativos de educación inclusiva, dirixidos a especialistas e a xefaturas de departamentos de orientación.

Galicia, referente na educación inclusiva

Cómpre destacar que Galicia é referente na educación inclusiva e de feito, o último informe do Ministerio reflicte que o 91,9% do alumnado con NEE está integrado en centros ordinarios. Co obxectivo de seguir mellorando na atención destes mozos e mozas, o departamento educativo da Xunta de Galicia ten diversas accións formativas tanto dentro coma fóra dos centros. Neste contexto, un total de 135 centros contan xa cun plan de formación permanente do profesorado na liña específica de Escola inclusiva e Atención á diversidade. Ademais, ofertáronse 81 cursos (1918 horas) de formación nos que participaron 1155 persoas, con temáticas relacionadas coa comunicación aumentativa, discapacidade visual e auditiva, trastorno do espectro autista ou linguaxe de signos, entre outras.

Así mesmo, todas actividades de formación de docentes en centros contan xa cun módulo específico de Inclusión, convivencia e igualdade (ICI), de 20 horas, sobre os contidos recollidos nos protocolos e documentación pertencentes á Estratexia galega de convivencia escolar. A través deste módulo, durante o último curso, un de cada tres profesores recibiu nocións de inclusión, convivencia e igualdade.

Nova materia pioneira en España

Así mesmo, e co fin de seguir ampliando esta vía formativa, crearase unha nova materia de libre configuración autonómica baixo o nome de Sociedade inclusiva para 1º e 2º de ESO. Será un fito pioneiro no sistema educativo español, posto que ningunha comunicade oferta unha materia destas características.

Ademais, tamén se prepararán novos protocolos para mellorar o servizo que se presta ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Tal e como explicou o conselleiro esta mesma semana na reunión con representantes de entidades que traballan na atención á diversidade, estase revisando o protocolo vinculado a alumnado con síndrome de Down e crearanse grupos de traballo para a elaboración dun dedicado á discapacidade auditiva e doutro orientado ás altas capacidades.