Alumnado de primaria e secundaria do Bierzo completa os seus estudos de galego cun programa de estadía en Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o subdirector xeral de Política Lingüística, Xoán Rivas, recibiron hoxe os estudantes en Santiago de Compostela

No curso académico 2010-2011, preto de 1.000 alumnos e alumnas participan no Programa de Ensino en Galego de Castela e León

Mar, 26/04/2011 - 14:29
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o subdirector xeral
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o subdirector xeral de Política Lingüística, Xoán Rivas, recibiron esta mañá os 116 alumnos e alumnas de centros de ensino da comarca do Bierzo

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o subdirector xeral de Política Lingüística, Xoán Rivas, recibiron esta mañá os 116 alumnos e alumnas de centros de ensino da comarca do Bierzo que están estes días en Galicia para completar os seus estudos de galego. Fano a través dun programa de estadía que lles permitirá achegarse á realidade lingüística e cultural galega mediante diversas actividades e visitas a varios puntos de interese da comunidade.

Durante a recepción, que tivo lugar esta mañá no Museo Pedagóxico de Galicia, en Santiago de Compostela, Anxo Lorenzo recoñeceu “o importante labor que se está a facer desde o Bierzo para manter vivo o galego nesta comarca”, ao tempo que lles agradeceu ao alumnado e ao profesorado “o esforzo que estades a realizar por conservar unha parte fundamental do voso patrimonio, como é a lingua galega, que debedes coidar, utilizar e transmitir”, afirmou.

As oportunidades de estudar galego no Bierzo

Por outra banda, o secretario xeral recordoulles aos rapaces e rapazas que o feito de estudaren galego lles abre “novas portas ao mundo laboral”, xa que aos que completen o Programa de Ensino en Galego na ESO e en bacharelato se lles recoñece un nivel de Celga 2 e Celga 3, respectivamente, que son os títulos esixidos para acreditar o coñecemento del ingua galega á hora de acceder a unhas oposicións en Galicia. Así mesmo, Anxo Lorenzo presentoulles a lingua galega como “unha moi boa vía de comunicación co portugués” e, polo tanto, como unha forma de encontrar traballos en empresas con intereses en Portugal e Brasil.

Desde o curso 2001/02 e ata hoxe, en varios centros educativos do Bierzo vénse desenvolvendo o Programa de Ensino en Galego no Bierzo e Sanabria, grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León. O galego é, para o alumnado que así o desexa, lingua vehicular en infantil na área de Descubrimento do medio físico e social e na área de Identidade e autonomía persoal; en primaria, na área de Coñecemento do medio natural, social e cultural e na área de Educación artística; e, en secundaria, na área de Ciencias sociais, xeografía e historia.

Máis de 1.000 persoas estudan galego en Castela e León

Despois de dez anos de implantación do ensino de lingua galega na educación non universitaria nas áreas galegofalantes de Castela e León, pasouse de 156 alumnos en 2001 a 966 alumnos no presente curso escolar (82 máis que o ano pasado), e multiplicouse por catro o número de centros destes niveis educativos que ofrecen a posibilidade de estudar en galego. Ademais destes 966 alumnos e alumnas, tamén aprenden galego 64 persoas a través da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, o que supón un total de 1.030 estudantes.

O alumnado que participa este curso no Programa de Ensino en Galego pertence ás localidades de Ponferrada (os centros Virgen de la Encina, Europa, Valentín García Yebra, La Placa, Compostilla e Jesús Maestro), Vilafranca (o Padre Sarmiento e o San Lorenzo de Brindis), Cacabelos (o Bergidum Flavium e o Virgen de la Quinta Angustia), Carucedo, Carullón (centro Jimena Muñiz), Ponte de Domingos Flórez, Toural dos Vados (María Luísa Icieda Gavilanes), Toural de Meraio, Camponaraia (San Ildefonso) e Lubián (Tuela-Bibei).

Menús News node R