Preto de 100 estudantes de ESO poderán mellorar as súas competencias orais con ComunicaTedu
O concurso, convocado pola Consellería de Cultura e Educación, consistirá na preparación por parte do alumnado de intervencións arredor dun tema
Sáb, 03/03/2018 - 12:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar o concurso ComunicaTedu, que ten como obxectivo que o alumnado matriculado no curso 2017/18 nalgún dos catros cursos de ESO en centros públicos afonde na adquisición da competencia en comunicación lingüística. En concreto, o certame consistirá na preparación dunha intervención por cada equipo de estudantes participante arredor dun tema determinado, nesta primeira edición sobre a alimentación como hábito de vida saudable. As gravacións destas intervencións serán analizadas polo xurado, que escollerá as oito que se someterán a unha sesión final de gravación, e das que se seleccionarán as tres gañadoras.

Deste xeito, os estudantes poderán mellorar as súas competencias orais no discurso público, ao tempo que se favorece a adquisición de competencias clave como a lingüística, a dixital ou espírito emprendedor; se fomenta o uso do rexistro formal na linguaxe, se afonda no razoamento ético e crítico na defensa das propias ideas e na construción da mensaxe, e se desenvolven destrezas para a investigación e a xestión da información. Así mesmo, este certame fomenta o traballo interdisciplinario e colaborativo e a abordaxe das metodoloxías activas na adquisición do coñecemento.

ComunicaTedu afonda na liña de actuación posta en marcha pola Consellería coa implantación da materia de libre configuración autonómica de Oratoria. De feito, entre os criterios que se terán en conta para a selección dos equipos participantes están a propia impartición no centro desta materia, así como a participación en actividades de innovación e de desenvolvemento das competencias en comunicación lingüística, como Parlamento Xove Tíralle da lingua ou clubs de debate.

Solicitude

Os centros públicos poderán solicitar participar neste concurso a través do formulario adxunto á convocatoria, ao que se pode acceder a través do portal educativo (http://www.edu.xunta.gal/portal/ ), e que deberán enviar ao enderezo electrónico comunicatedu@edu.xunta.es.

Os equipos estarán formados por un profesor e ata tres alumnos (procurando a paridade en canto ao xénero) e poderán presentarse ata 4 equipos por centro. En total seleccionaranse 30 equipos, atendendo aos devanditos criterios así como á proposta de traballo que presenten, ao equilibrio territorial e á representación do rural.

Fases

Nunha primeira fase, os docentes recibirán o asesoramento necesario sobre as normas de elaboración das presentación e a metodoloxía: definición do tema, discurso argumentativo, soporte audiovisual, elementos de valoración do xurado...

Cómpre salientar que a Consellería certificará a participación do profesorado que forme parte dos equipos que non resulten premiados como actividade de innovación educativa cunha equivalencia de 20 horas en formación permanente do profesorado. No caso dos que participen nos equipos galardoados, certificarase como 1º premio de innovación educativa cunha equivalencia tamén de 20 horas.

Na segunda fase, os alumnos elaborarán e gravarán as súas intervencións, que serán enviadas para a súa valoración na terceira fase. Unha vez seleccionadas, as oito intervencións mellor valoradas – que serán recoñecidas cun diploma que acredite esta distinción- participarán nun evento no que serán de novo expostas para a súa gravación definitiva e difusión a través do portal educativo. Finalmente, outorgaranse tres premios – de 1500, 1000 e 600 euros, respectivamente- aos tres mellores equipos entre os oito finalistas.