Román Rodríguez sinala a inclusividade nas bibliotecas escolares como un dos desafíos do Plan LÍA 2016/2020

O conselleiro participou esta mañá na inauguración da xornada ‘Biblioteca Inclusiva. Lectura e Diversidade’

Mar, 20/02/2018 - 11:00
Román Rodríguez sinala a inclusividade nas bibliotecas escolares como un dos desafíos do Plan LÍA 2016/2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá na inauguración da xornada Biblioteca Inclusiva. Lectura e Diversidade, onde destacou que un dos principais desafíos do Plan LÍA de bibliotecas 2016/2020 é o ámbito de traballo da biblioteca inclusiva. “O que buscamos é ofrecer a todo o alumnado oportunidades adaptadas pero enriquecedoras, para a adquisición e o reforzo de habilidades e competencias clave”, dixo.

Neste sentido o conselleiro explicou que o plan de desenvolvemento da Consellería abrangue un importante conxunto de iniciativas, como a asignación directa de fondos económicos, que xa se realizou a 53 centros (14 de educación especial, e o resto centros comúns que  contan con unidades de educación especial), buscando mellorar a súa biblioteca escolar, atendendo á diversidade. A maiores, estes centros terán un seguimento personalizado para a realización das melloras, por parte da asesoría de bibliotecas escolares.

Deste xeito, búscase avanzar nunha das prioridades do departamento educativo da Xunta de Galicia, nomeadamente que as bibliotecas dos centros públicos galegos conten cos espazos, a accesibilidade e do equipamento e dos recursos adaptados a toda a tipoloxía de alumnos e alumnas do centro e, moi especialmente, que se eduque nunha actitude inclusiva e respectuosa coa diversidade a todo o alumnado.

O conselleiro quixo, así mesmo, agradecer aos docentes presentes o traballo que están a realizar nesta área. “Sen dúbida, todos os avances no ámbito da inclusión en Galicia, dentro e fora da biblioteca, apóianse sobre o traballo facedes nos vosos centros”, dixo.

Experiencias e boas prácticas

A actividade que se realiza hoxe na Escola Galega de Administración Pública xira arredor da dinamización da lectura con alumnado que presenta dificultades de comprensión lectora, por distintas causas,  pero que pode ter acceso a múltiples materiais que poden espertar o seu interese cara a lectura.

A xornada formativa está estruturada arredor de dous grupos de traballo. No primeiro deles, baixo o título Mediación na lectura en contextos de diversidade, analizarase a experiencia dun obradoiro desenvolvido nunha biblioteca escolar rural en Portugal con alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, maioritariamente do perfil autista, que será presentada por Miguel Horta, pintor, escritor e narrador portugués con ampla experiencia no fomento da lectura e da expresión artística en contextos de diversidade. Esta iniciativa, inspirada no proxecto Dilfícil leitura, participou o pasado ano no Folio/Educa (Óbidos, Portugal).

No segundo grupo presentaranse as experiencias e boas prácticas en materia de lectura e diversidade do CEIP de Pazos (Ferrol) e dos Centros de Educación Especial (CEE) Saladino Cortizo (Vigo), Manuel López Navalón (Santiago de Compostela) e Terra de Ferrol (Ferrol). Así mesmo, participará Olga Lalín, co autora do blogue Alto, alto como una montaña. Afrontando el autismo con sensibilidad

Todos os asistentes á xornada, arredor de 70, participarán, en quenda de mañá ou de tarde, nos dous grupos de traballo e, ao final da xornada, celebrase unha mesa de posta en común.