Valentín García aposta pola teleformación na presentación do Plan de formación en lingua galega 2018

Este ano ofreceranse por primeira vez cursos en liña para preparar o Celga 4, que se suman aos xa existentes para o Celga 1 e para linguaxes xurídica e administrativa galegas

O Plan da Secretaría Xeral de Política Lingüística para 2018 ofrece máis de 7.000 prazas de formación Celga, formación en linguaxes específicas e formación fóra da comunidade autónoma galega

Ven, 16/02/2018 - 13:28
Valentín García aposta pola teleformación na presentación do Plan de formación en lingua galega 2018

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá en rolda de prensa o Plan de formación en lingua galega do seu departamento para o presente ano 2018, que chegará a máis de 7.000 persoas e incluirá formación Celga, formación en linguaxes administrativa e xurídica e formación no exterior.

Valentín García destacou “o esforzo da Secretaría por chegar a todos os galegos e galegas, ben mediante a celebración de cursos presenciais nas catro provincias, ben mediante a aposta pola teleformación, que este ano reforzamos con cursos en liña para o nivel Celga 4, que se suman aos xa existentes para o Celga 1 e para linguaxes xurídica e administrativa”. O secretario xeral indicou que “durante 2018 estaremos traballando para poder ofrecer o ano que vén cursos a distancia tamén no nivel Celga 3”.

Valentín García estivo acompañado por María Lourdes Batán, subdirectora xeral de Política Lingüística, quen ofreceu detalles da oferta formativa presentada.

Aposta pola teleformación

O Plan de formación da Secretaría Xeral de Política Lingüística para o ano 2018 inclúe 70 cursos preparatorios das probas Celga, organizados, ben directamente pola secretaría, ben coas escolas oficiais de idiomas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. A eles hai que sumar os que se organizan ao longo do ano en colaboración con concellos da Rede de Dinamización Lingüística. En total, haberá máis de 2.000 prazas a disposición da cidadanía, que poderá optar pola modalidade presencial, ou, no caso da preparación para os niveis Celga 1 e Celga 4, pola teleformación. Precisamente, esta é unha das novidades de 2018, pois por primeira vez é posible facer en liña cursos encamiñados a preparar este último nivel. A intención de Política Lingüística é seguir ampliando a oferta a distancia nos vindeiros anos.

A formación en lingua galega para adultos contempla tamén máis de 50 cursos de linguaxes administrativa e xurídica -29 deles en liña- que se celebrarán en colaboración coa EGAP, coas escolas oficiais de idiomas e, nalgúns casos, con outras institucións, como a Deputación da Coruña, os concellos ou o Colexio de Avogados de Santiago. Con eles, a secretaría xeral de Política Lingüística aspira a chegar a máis 1.300 traballadores e traballadoras das administracións públicas.

No ámbito universitario, os convenios entre a Consellería de Cultura e Educación e as tres institucións de educación superior de Galicia permitirán organizar este ano un total de 25 cursos dirixidos a estudantado (galego ou estranxeiro) ou persoal docente e investigador, o que incrementa en 750 prazas a oferta incluída no Plan de formación para 2018.

Formación no exterior

A dita oferta complétase coa formación en lingua galega ofrecida fóra da Comunidade Autónoma Galega. Esta inclúe o Programa de promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria, froito da colaboración entre as consellerías de educación das comunidades galega e castelá-leonesa. Tras a recente incorporación do CRA Cubillos del Sil, este programa chega a 19 centros educativos e máis de 1100 estudantes de infantil, primaria, secundaria e escola oficial de idiomas. A eles hai que sumar un número crecente de alumnos e alumnas de galego no IE Cañada Blanch de Londres, con 87 matriculados en 2018, ou os colexios Castelao de Caracas (con case 400 estudantes de galego) e Santiago Apóstol de Bos Aires (500 alumnos e alumnas).

O ensino do galego no exterior está presente tamén nas universidades a través de 35 centros de estudos galegos que lle imparten docencia desta lingua a máis de 900 estudantes de Europa e América. O Plan de formación para 2018 prevé a creación doutros 4 máis en universidades de Bos Aires, A Habana, Cracovia e Edimburgo.

Menús News node R