Educación e a Asociación de Bulimia e Anorexia de Pontevedra colaboran na promoción de hábitos saudables

O conselleiro Román Rodríguez e o presidente da ABAP, Juan Ramón Pérez, asinaron un acordo para sumar esforzos na prevención de trastornos da conduta alimentaria no ámbito educativo

Ven, 16/02/2018 - 11:23
Educación e a Asociación de Bulimia e Anorexia de Pontevedra colaboran na promoción de hábitos saudables

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e maila Asociación de Bulimia e Anorexia de Pontevedra (ABAP), van colaborar en accións conxuntas no campo da prevención dos trastornos da conduta alimentaria e da promoción de hábitos de vida saudables no ámbito educativo, tal como quedou acordado no convenio de colaboración que asinaron hoxe  o conselleiro Román Rodríguez e o presidente da ABAP, Juan Ramón Pérez.

En virtude deste acordo, a Consellería encargarase de promover actividades de formación do profesorado específicas relativas á prevención, detección e intervención educativa neste ámbito. Así mesmo, colaborará coa Asociación de Bulimia e Anorexia de Pontevedra na sensibilización e na difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas aos trastornos da conduta alimentaria.

Pola súa banda, esta entidade sen ánimo de lucro aportará os seus coñecementos e a experiencia dos seus profesionais para que as accións deseñadas sexan o máis axeitadas posibles para atallar este tipo de condutas.

Este acordo enmárcanse dentro dos compromisos da Consellería de Educación de sumar esforzos para avanzar nunha educación máis inclusiva, na que se teñan en conta e se atendan todas as circunstancias do alumnado e, deste xeito avanzar nun sistema máis equitativo e de calidade.

Avanzar nun sistema educativo máis inclusivo, que dea unha resposta acaída á diversidade do alumnado, é unha das liñas estratéxicas da Consellería de Cultura e Educación. Por este motivo, o departamento que dirixe Román Rodríguez vén colaborando con diversas entidades e asociacións especializadas na atención a colectivos con necesidades educativas específicas para deseñar unha acción educativa axeitada para as súas peculiaridades.