Román Rodríguez sinala o galego como unha lingua con historia e futuro
O conselleiro de Cultura e Educación presidiu esta tarde a entrega dos premios do certame 'Lingua de namorar', que se entregaron no Museo do Mar de Galicia, onde se expón o Pergamiño Vindel
Mér, 14/02/2018 - 18:50

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; presidiu esta tarde a entrega de premios do certame de dinamización lingüística Lingua de namorar, que convocan conxuntamente o seu departamento e a Consellería de Política Social, e que se entregaron no Museo do Mar de Galicia, a carón do Pergamiño Vindel. No acto participaron, ademais do conselleiro, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e a escritora galega Rosalía Fernández Rial como condutora.

Durante a súa intervención Román Rodríguez salientou a importancia de manter o galego como unha lingua dos afectos e das relacións persoais, de visibilizala “como o que sempre foi, a lingua do pobo de Galicia”, ao tempo que se avanza na súa presenza nos espazos formais, como a Administración.

O conselleiro explicou que as cantigas do Pergamiño Vindel xa expresaban o amor en galego, tal e como o fixeron tamén os participantes neste certame Lingua de namorar, demostrando que a lingua propia de Galicia non só ten historia senón que tamén ten futuro; “unha lingua de pergamiños, pero tamén de whatsapps”. Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta lembrou que se está traballando na elaboración do Plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade, que dará unidade e coherencia ás iniciativas que se veñen desenvolvendo nos últimos anos neste eido e que se sumarán a outras novas co obxectivo permanente de promover e normalizar o galego entre a xente nova.

Éxito de convocatoria

Cómpre salientar que o certame foi un éxito, xa que dobrou considerablemente a participación da mocidade con respecto a todos os anos anteriores e chegou aos 1509 mozos e mozas. 704 concorreron ao concurso coas súas declaracións de amor en galego, 488 na categoría A (de 14 a 19 anos) e 216 na categoría B (de 20 a 35 anos); 805 en total, votaron as súas favoritas.

De entre as 50 máis votadas en cada categoría, resultaron gañadoras do primeiro premio na categoría A, Nee Barros (Marín), pola mensaxe Muiñeira; do segundo Ania Ferreira (Vigo), pola mensaxe Tes lume? e do terceiro Uxía Martínez (Vigo), pola mensaxe Amor adiantado. Na categoría B fixérono do primeiro premio Teresa Pérez (Lousame), pola mensaxe Infinito; do segundo Aitana Iglesias (Narón), pola mensaxe Fagamos melodía e do terceiro Iria Carreira (Arzúa), pola mensaxe Terroristas.

As gañadoras recibirán como premios un Hoveboard Nilox, unha cámara Fuji instantánea mini 9, un auricular Panasonic Diadema,  unha smart TV Panasonic 32”, un smartphone Wiko 5” e unha cámara deportiva Mini Wifi 2”, respectivamente, acompañados de cadansúa reprodución do Pergamiño Vindel, conmemorativa da súa estadía en Vigo en 2017 e 2018 e mais un diploma acreditativo. Toda a información e textos gañadores no enlace web http://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/rede-de-dinamizacion-linguistic....