Bocaberta propón novas actividades para encher o tempo de lecer dos máis novos con poesía, música e maxia en galego

O secretario xeral de Política Lingüística presentou en Forcarei Señor Mundo, dígame?, a actividade coa que este programa de dinamización lingüística visitará o concello pontevedrés nos próximos días

Bocaberta estará esta semana en oito localidades con diversas propostas para promover o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos

Lun, 25/04/2011 - 14:31
O responsable de Política Lingüística estivo acompañado polo concelleiro de Cult
O responsable de Política Lingüística estivo acompañado polo concelleiro de Cultura de Forcarei, Francisco Rozados, e mais por Ricardo Soto, representante de Edicións Tambre, empresa que xestiona a actividade.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá en Forcarei unha das iniciativas coas que o programa Bocaberta está a promover o uso do galego entre os máis novos por toda Galicia. Trátase da actividade Señor Mundo, dígame?, que visitará este xoves o concello pontevedrés no marco deste programa de dinamización lingüística dirixido a rapaces e rapazas de 3 a 18 anos.

O responsable de Política Lingüística estivo acompañado polo concelleiro de Cultura de Forcarei, Francisco Rozados, e mais por Ricardo Soto, representante de Edicións Tambre, empresa que xestiona a actividade.

A palabra é a protagonista da actividade Señor Mundo, dígame?, conformada por un divertido recital de poesía e unha representación teatral que lles cede a palabra aos nenos e nenas para converterse en obradoiro de teatro. A actividade, que está dirixida a rapaces e rapazas de 5 a 8 anos, estará o xoves no CEIP Nosa Señora das Dores.

Ademais da parada en Forcarei, a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará o programa Bocaberta por outras sete localidades durante os próximos días para promover o uso do galego entre os máis novos. Pop e tecnoloxía para adolescentes, trucos para os máis pequenos e un curso para iniciarse no debuxo de historietas protagonizan as propostas desta semana.

O mellor pop en galego para os adolescentes

Os mozos e mozas de 12 a 18 anos son os destinatarios de Detrás da canción. A iniciativa, que estará en Abegondo o venres e en Guitiriz o domingo, consta dun obradoiro de música caseira e dun concerto acústico. O curso, de case dúas horas de duración, permítelles aos rapaces e rapazas coñecer as ferramentas básicas para compoñer, gravar e compartir unha canción de pop, con materiais e programas facilmente manexables. Esta parte da iniciativa está dirixida por Carlos Valcárcel, líder do grupo de pop electrónico Projecto Mourente. A actividade complétase cun concerto acústico do recoñecido grupo de pop galego The Homens. As inscricións nos obradoiros poden facerse a través da páxina www.detrasdacancion.info. Para o desenvolvemento desta actividade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística contar co apoio da Secretaría Xeral de Medios.

A maxia das palabras

Mentres, a maxia e as palabras son os eixos sobre os que xira a actividade Abrapalabra, que chegará aos nenos e nenas de 4 a 11 anos de Cerdido e Moeche, o xoves; e das Somozas, o venres. A proposta xorde do libro de título homónimo, escrito por Antón Cortizas, Jacobo Fernández Serrando e o mago Carlos Coira, que fará para os rapaces, en directo, un espectáculo para amosar toda a maxia que hai na lingua galega. Os pequenos aprenderán a facer trucos de xeito fácil e divertido, e, ademais, a amar un idioma tan fascinante coma o que o prestidixitador fai coas súas mans.

O mundo do cómic estará representado esta semana na actividade Ti creas a historia. Nela, o prestixioso debuxante Anxo Fariña amosa os segredos da profesión, do guión inicial ao acabado final. A iniciativa, destinada a rapaces e rapazas de 12 anos, pasará o mércores por Coles e o xoves por Taboada. Ademais, Bocaberta trae outra proposta máis de banda deseñada para esta semana: un novo número da revista Galimatías, que estará nos quioscos o venres acompañando, de xeito gratuíto, o xornal El Correo Gallego.

Máis información na rede

Bocaberta 2010-2011, que botou a andar o pasado mes de outubro, leva realizadas preto de 700 actividades para promover o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos. Ata mediados do mes de maio, o programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística percorrerá todos os concellos de Galicia con propostas para os máis novos que están relacionadas coa música pop, cos monicreques, coa literatura fantástica, coas tecnoloxías da información e da comunicación, coa banda deseñada, coa maxia, coa poesía e co teatro.

Os horarios e localizacións das actividades de Bocaberta poden consultarse no boletín semanal do programa, a través do web http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta, e mais nas principais redes sociais de internet (Facebook, Twitter e Tuenti).

Menús News node R

Tema