A Xefatura Territorial de Educación avanza na zonificación de Vigo cunha reunión de traballo cos centros

Mér, 07/02/2018 - 19:20

A Xefatura Territorial de Educación continúa co proceso de diálogo aberto cos distintos actores para avanzar no documento de nova zonificación de Vigo. O grupo técnico de traballo creado para tal fin mantivo esta mañá unha xuntanza con equipo directivo do IES de Beade e co resto dos centros adscritos a este IES co fin de analizar as rutas de transporte e afondar en todas as inquedanzas e dúbidas ao respecto. Desde a Xefatura Territorial cualifícase esta reunión de moi positiva na medida en que os centros implicados elevaron varias propostas respecto ás liñas de transporte que agora van a ser analizadas dun xeito máis pormenorizado polo equipo técnico co fin de avaliar a súa viabilidade.

Por tanto, desde a Xefatura Territorial continúase traballando de xeito constante para dotar a Vigo dunha zonificación escolar que responda ás novas esixencias derivadas, sobre todo, da dinámica poboacional da cidade. O obxectivo de Educación é acadar un documento o máis consensuado posible que dea resposta ás demandas de futuro da cidade no ámbito educativo.