O Plan de (tele)formación en lingua galega da Xunta estreará este ano o curso do Celga 4 en liña

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convocan os cursos preparatorios gratuítos das probas do Celga nos seus catro niveis
A convocatoria inclúe 25 cursos presenciais en 18 localidades e 10 en liña tanto para persoas con residencia en Galicia coma no exterior
O prazo de presentación de solicitudes abrangue do 7 ao 26 de febreiro
Mar, 06/02/2018 - 11:43

O Plan de (tele)formación en lingua galega da Xunta de Galicia estreará este ano o curso preparatorio das probas de acreditación do Celga no seu nivel 4, o máis alto que se pode obter por medio desta vía. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución do 25 de xaneiro de 2018, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anunciaa convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter, con carácter voluntario e gratuíto, os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 (ED104B).

A convocatoria, que xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal, ofrece un total de 35 cursos, dos cales se impartirán 25 baixo a modalidade presencial (en 18 localidades galegas) e 10 baixo a modalidade en liña (3 do Celga 1 e 7 do Celga 4, destinados tanto a persoas con residencia en Galicia coma no exterior). O prazo de presentación de solicitudes abrangue desde mañá día 7 ata o 26 do presente mes. No caso dos 10 cursos de teleformación a inscrición debe facerse exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo web https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED104B, no que tamén estarán a disposición da cidadanía os formularios de solicitude dos cursos presenciais.

As localidades de realización destes últimos, susceptibles de modificacións en función da demanda efectiva, serán A Coruña, A Estrada, Betanzos, Carballo, Culleredo, Ferrol, Lugo, Marín, O Carballiño, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sarria, Vigo e Vilagarcía de Arousa. As datas de desenvolvemento serán, simultaneamente, do 3 de abril ao 23/24 de maio.

O novo curso preparatorio do Celga 4 súmase ao xa existente do Celga 1, mentres que a Secretaría Xeral de Política Lingüística traballa xa no deseño dos dous cursos preparatorios dos niveis 2 e 3 en liña, que completarán a oferta de teleformación destinada a que as persoas maiores de 16 anos, que así o queiran ou necesiten, melloren as súas competencias lingüísticas en galego botando man das tecnoloxías da comunicación e do coñecemento, con independencia do lugar de residencia e flexibilidade horaria no seu seguimento. O departamento dirixido por Valentín García convocará no mes de marzo as probas de acreditación do Celga nos seus catro niveis, cuxa realización se prevé para os días 26 e 27 de maio e 2 e 3 de xuño.

Toda a información sobre o sistema Celga, de certificación da lingua galega adaptado ao Marco Europeo de Referencia para as Linguas, en http://www.lingua.gal/o-galego/aprendelo/celga.

CADRO INFORMATIVO DA OFERTA DE CURSOS PREPARATORIOS DAS PROBAS CELGA 1, 2, 3 E 4:

CURSO

MODALIDADE

CURSOS

PRAZAS

Celga 1

Teleformación: 3

3

150

 

Celga 2

Presenciais: 5

(A Coruña, Santiago de Compostela, Sarria, Marín e Redondela)

5

150

 

Celga 3

Presenciais: 12

(Betanzos, Carballo, A Coruña, Culleredo, Lugo, Ribadeo, Ourense, A Estrada, Ponteareas, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa)

12

360

 

 

 

Celga 4

Teleformación: 7

7

210

Presenciais: 8

(A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, O Carballiño, Ourense, Pontevedra e Vigo)

8

240

 

TOTAL

35

1110