Valentín García participa no acto ‘Sabores co noso acento’ para promover marcas etiquetadas en galego

Esta presentación de produtos que empregan a lingua propia de Galicia na etiquetaxe foi organizada polo Foro Enrique Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Tivo lugar este serán en Expourense, no marco do XIX Salón Internacional de Turismo Gastronómico ‘Xantar 2018’

Ven, 02/02/2018 - 21:30

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán en Expourense no acto de presentación de produtos etiquetados en galego “Sabores co noso acento”, organizado polo Foro Enrique Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE) e que contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Este encontro tivo lugar no marco do XIX Salón Internacional de Turismo Gastronómico “Xantar 2018”.

Valentín García destacou o papel do sector agroalimentario na incorporación do galego á etiquetaxe dos seus produtos. “Foron os primeiros en comprender que a lingua propia de Galicia lle imprime un selo de calidade e dunha proximidade que xera confianza á marca con que se asocia; foron exemplo e motor para que, dende outros sectores, se aposte por un uso do galego que só pode beneficiar o consumidor, a empresa e o idioma mesmo”, indicou o secretario xeral de Política Lingüística. Na mesma liña, sinalou que “un sector tan apegado á terra e ao tradicional noso como o agroalimentario é, ao mesmo tempo, referente de innovación neste aspecto como en tantos outros”.

Co secretario xeral de Política Lingüística estiveron tamén neste acto a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira; o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, e o coordinador da IRGADE, Xosé Carballido Presas, así como representantes das marcas Queixería O Brexeo, Queixos Cobideza, Horta do Couto, Bodega Roandi, Vermú Petroni, Queixos Hoxe, Adega O Alborexar no Ribeiro, Cooperativa Amarelante, Cooperativa A Capela, Leitenoso, Amorodo Conservas Ecolóxicas, Adega Pousadoiro, Bubela Artesá, A Castrexa, Aceites Abril, Requeixón das Neves, Fabas de Lourenzá e Dama Alaricana.

Dinamización do galego no tecido económico

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación promove ou colabora en diversas iniciativas que, como este acto de presentación de produtos etiquetados en galego, incentivan e visibilizan o uso da lingua propia de Galicia no tecido empresarial. As súas accións neste eido organízanse arredor do Plan xeral de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020, que lles dá coherencia para intensificar, así, a súa eficacia.

Os obxectivos deste plan, emanado do Plan xeral de dinamización da lingua galega, son crear consciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais e as relación laborais, comerciais e bancarias; estender o uso da lingua galega no ámbito económico, tanto na oferta coma na demanda de produtos e servizos, e mais utilizar o idioma para impulsar unha imaxe de marca diferencial propia de Galicia e os seus produtos vinculada á calidade e á innovación e que lles transmita confianza ás persoas consumidoras e ao empresariado.