Román Rodríguez propón vincular as prazas de acceso a maxisterio coa capacidade de absorción do sistema educativo a nivel de emprego

O conselleiro avoga por fomentar un cambio integral na formación inicial, o acceso á función docente e a súa actualización continua na súa comparecencia na ponencia sobre o Pacto educativo do Senado

Aplaude a proposta do ministro de establecer un MIR educativo porque axudará a elevar os estándares de prestixio e consideración social da profesión

Repasa os resultados positivos alcanzados a nivel de calidade –plurilingüismo, TIC, coñecementos STEM ou impulso da FP– e de equidade e igualdade de oportunidades, como demostra a redución do abandono educativo temperán

Recalca a necesidade de homologar o modelo de FP Dual a nivel estatal, deixando marxe de adaptación ás comunidades autónomas

Lun, 29/01/2018 - 19:44
Román Rodríguez propón vincular as prazas de acceso a maxisterio coa capacidade de absorción do sistema educativo a nivel de emprego

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu hoxe no Senado con motivo da ponencia de estudo sobre o Pacto educativo. Durante a súa intervención, propuxo actuar na mellora do sistema educativo desde o inicio, desde a propia entrada ás facultades de Ciencias da Educación, co obxectivo de vincular o número de prazas de acceso ás escolas de Maxisterio coa capacidade de absorción do sistema educativo a nivel de emprego.

“Galicia quere ser útil e proactiva neste campo e, de feito, isto engarza co que nos propón o Ministerio porque nos axudaría a elevar os estándares de prestixio e consideración social tanto da carreira como da profesión”, manifestou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia. Neste sentido, valorou de xeito positivo a proposta lanzada este pasado fin de semana polo ministro Íñigo Méndez de Vigo acerca de establecer un modelo de acceso á profesión semellante ao MIR. Tal e como manifestou, “este é, sen dúbida, un bo punto de partida, unha acertada proposta para dialogar, traballar de forma serena e incentivar a sumar a outras formacións políticas que tamén defenden postulados similares”.

As tres efes da profesión docente

Neste contexto, o conselleiro avogou por fomentar un cambio integral na formación inicial dos futuros profesionais, o acceso á función docente e a súa actualización continua. De feito, mencionou os retos que presenta a función docente a través de tres efes, que en realidade son unha: a formación inicial nas facultades de Ciencias da Educación; a formación para o acceso á docencia, adaptada aos retos e competencias que require a escola e a sociedade global; e a formación permanente para asegurar unha actuación continua. “Trátase de formación a tres niveis, co obxectivo último de prestixiar a titulación e a profesión docente”, salientou.

En concreto, unha das principais propostas de Galicia no marco do debate do Pacto de Estado social e político pola educación é precisamente a de vincular as prazas de acceso ao grao coas necesidades do sistema, unha idea compartida pola Conferencia de Decanos de Educación. Segundo explicou o conselleiro, esta iniciativa precisa do compromiso da administración para fixar unha previsión a medio ou longo prazo das necesidades de persoal educativo, e das propias facultades.

A segunda efe está vinculada á formación para o acceso á docencia. O conselleiro lembrou a xornada de traballo mantida este mesmo mes xunto aos conselleiros de educación de Asturias e Castela e León, na que se propuxo avaliar as competencias en plurilingüismo, TIC e atención á diversidade no proceso de selección.

A terceira efe céntrase na formación permanente e no exercicio docente. Román Rodríguez explicou que “tanto a formación permanente, como a participación en proxectos de innovación ou o propio portfolio formativo do docente deben constituír elementos de xuízo para alcanzar unha mellora na carreira, onde as retribucións non só poden basearse no paso do tempo”.

Traballo conxunto coas tres universidades

En definitiva, o conselleiro instou a adoptar unha visión de continuo da profesión, conectada entre as diferentes etapas. Isto é, “aliñar a formación inicial, o acceso e a formación permanente en base a un Marco de Competencias Profesionais acordado, e con translación aos plans de estudio universitarios”.

Así mesmo, expuxo a experiencia de Galicia neste ámbito, lembrando que a Xunta creou un grupo de traballo xunto con representantes decanos de Ciencias da Educación das tres universidades para elaborar un Marco de Competencias Profesionais Docentes. No documento xurdido a raíz dese traballo defínense as competencias e habilidades básicas e necesarias que debe adquirir todo profesor ao longo da súa vida académica.

Resultados positivos en equidade e calidade

Ademais deste traballo cos decanos, Román Rodríguez lembrou a bagaxe do sistema educativo galego e as posibles achegas que pode realizar ao debate estatal amparadas polos resultados positivos logrados nos últimos anos. “A comunidade educativa galega gañou en equidade e en calidade”, afirmou. Neste sentido, explicou que se mellorou en índices tan relevantes como o abandono educativo temperán ou a equidade, e que se fixo “moi por encima do que se esperaría con respecto ao nivel de renda de Galicia”.

De feito, e segundo o último informe PISA, Galicia ten o sistema máis equitativo do Estado. Por outro lado, os últimos datos do abandono educativo temperán, relativos á media de 2017, indican que a comunidade galega cerrou o ano cunha taxa do 14,9%, o que supón máis de 10 puntos menos que a media do 2009. 

Na parte de mellora da calidade, recordou os resultados conseguidos a través do “plurilingüismo harmónico” –322 centros plurilingües e 550 auxiliares de conversa–, a aposta pola educación dixital exemplificada con 11.600 alumnos con libro dixital e 860 kits de robótica repartidos en centros de Primaria e Secundaria, ou o impulso decidido pola Formación Profesional.

Unha FP Dual que xera emprego

Nesta última parte, insistiu en que “Galicia está orgullosa da súa FP. Dunha FP moderna, dinámica, innovadora, emprendedora e xeradora de emprego e riqueza”. Fixo fincapé na FP Dual, tendo en conta que se trata da modalidade que máis se axusta ás necesidades da contorna e que ofrece máis oportunidades aos alumnos.

Tras propoñelo na última Conferencia Sectorial, o conselleiro lembrou a oportunidade de homologar o modelo de FP Dual a nivel estatal, “fixando o que se entende por esta modalidade, aínda que deixando marxe de adaptación ás comunidades autónomas”, remarcou.

Utilidade da comisión para achegar ideas e sumar

Por último, Román Rodríguez tamén plantexou, entre outras cousas, a posibilidade de flexibilizar os itinerarios persoais e facilitar pasarelas entre ensinanzas para conseguir o máximo desenvolvemento individual; que o currículo básico sexa menos detallado para deixar marxe de desenvolvemento ás comunidades dentro das súas competencias; que as avaliacións a finais da etapa obrigatoria teñan só un carácter diagnóstico, ou que as políticas estruturais do Estado garantan igualdade de condicións ao alumnado con independencia do seu lugar de escolarización.

O responsable do departamento educativo do Goberno galego definiu esta ponencia sobre o Pacto educativo como unha boa ocasión para expoñer “experiencias, ideas e iniciativas co fin de axudar na tarefa común de construír a educación do século XXI, porque é máis o que nos une, que o que nos separa”. “A maior oportunidade educativa nestes 40 anos de democracia –concluíu– está cada vez máis preto de converterse nunha realidade; só depende da vontade de cada un de nós”.