A evolución das bibliotecas escolares galegas desde Castelao ata o século XXI

Estes espazos celebran hoxe o Día do Libro, con motivo do cal a Consellería reparte un novo marca páxinas cun poema do poeta e profesor Carlos Negro

O concepto de bibliotecas escolares foi evolucionando ata a actualidade na que son espazos integradores das TIC´s e promotores de innovación educativa.

O vindeiro curso haberá 449 centros dentro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que achegará máis de 1,6 millóns de euros para a renovación de fondos e equipamentos destes espazos

Sáb, 23/04/2011 - 11:42

Con motivo da celebración do Día do Libro a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria edita e reparte en todos os colexios galegos, por cuarto ano consecutivo, un marca libros, nesta ocasión con poema cedido polo poeta e docente Carlos Negro.

Ao longo deste mes as bibliotecas escolares veñen realizando diversas actividades en homenaxe ao día que hoxe se celebra, e que non é máis que unha mostra da importancia dos libros nestes espazos que, desde a súa creación ata a actualidade, teñen sufrido unha importante evolución.

Así, non hai máis que recordar a mostra que deixan bibliotecas centenarias como a do IES Xelmírez I de Santiago, que recolle documentos históricos como as notas do mozo Castelao, que -ironías da vida- suspenderá literatura. Neste mesmo espazo consérvanse libros e edicións históricas así como o mobiliario orixinal da época. Imaxes que contrastan coas que mostran outras bibliotecas que xa son espazos moi actuais nos que se integran as TIC´s, converténdose en modernos lugares acordes co século XXI.

A evolución ata o século XXI

Durante os anos trinta do pasado século ata a actualidade o concepto de bibliotecas escolares foi evolucionando, tendo nos últimos anos un grande impulso por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Neste punto cómpre destacar que este ano serán 449 os centros educativos galegos- dos que 75 serán de nova incorporación nos vindeiros meses-, que integraran as súas bibliotecas na rede do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), que se enmarca no PLAN LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, información, aprendizaxe).

O vindeiro curso a Consellería de Educación incorporará 75 novos centro a esta rede. O éxito do programa é tal que dos centros participantes 134 son institutos de ensino secundario, o que significa que o 51% do total deste tipo de centros, de titularidade pública están incluídos no Plan.

Neste punto cómpre poñer de relevo que para o vindeiro curso a Consellería ten orzamentados máis de 1,6 millóns de euros para ás bibliotecas escolares beneficiadas polo PLAMBE, un programa que pretende incentivar a aqueles centros educativos que se comprometen a renovar as súas bibliotecas e a utilizalas de forma eficiente para a mellora da calidade do ensino que ofrecen ao seu alumnado. Deste xeito asignaranse contías para a renovación dos fondos da colección (contemplando o soporte impreso e o soporte dixital), así como para a renovación de equipamento informático e audiovisual, así como para o mobiliario.

Para entrar na rede do PLAMBE os centros interesados están a elaborar un proxecto seguindo as pautas e orientacións contidas na convocatoria, cuxo prazo de presentación remata en vindeiras datas.

O premio ao traballo das bibliotecas

Dentro dos espazos das bibliotecas escolares os seus responsables, os docentes do centro, e os propios estudantes desenvolven un importante traballo de cara á educación e así lle foi recoñecido a algúns dos centros galegos no “Concurso Nacional de Buenas Prácticas para la dinamización e innovación de las bibliotecas de centros escolares 2010”, organizado polo Ministerio de Educación.

Na pasada edición foi premiado o traballo de oito centros galegos, sendo esta a comunidade máis galardoada a nivel nacional. Así, na modalidade dirixida aos centros de educación infantil, primaria, especial e de persoas adultas, foi galardoado cun primeiro premio o colexio rural agrupado Mestra Clara Torres, de Tui; con dous segundos premios o CPI Tino Grandío, de Guntín e o CEIP de Cervo; e con terceiros premios o CEIP  Os Muíños, de Muxía, e o CEIP Quintela, de Moaña.

Doutra banda, na categoría destinada aos centros de educación secundaria, formación profesional, ensinanzas artísticas e escolas oficiais de idiomas, recoñeceuse con dous segundos premios o traballo do IES de Monterroso e do IES de Fene; e cun terceiro posto o IES Manuel Antonio, de Vigo. Todos estes centros están incluídos no Plan de mellora de bibliotecas escolares da Consellería.

A importancia das medidas a prol da lectura

Con estes oito centros premiados Galicia ve recompensado os esforzos desenvolvidos en torno á lectura a través de diferentes iniciativas. Entre as últimas, e relacionadas co mes de abril e as datas do Día Internacional do Libro Infantil (2 de abril) e do Día do Libro (23 de abril), podemos salientar os apadriñamentos lectores, as lecturas continuadas, as representacións teatrais ou as contadas co apoio dos kamishibai (teatrillos tradicionais xaponeses que mediante láminas ilustradas contan historias aos nenos). Deste xeito maniféstase o interese da Administración galega  e dos centros de ensino por impulsar a lectura nas comunidades educativas.

Un éxito que demostra a importancia das diferentes medidas para o fomento da lectura e a dinamización destes espazos que está a desenvolver a Consellería de Educación, con programas como ‘Hora de Ler’ con iniciativas coma a convocatoria dos clubs de lectura en centros de educación secundaria, as mochilas viaxeiras, as bolsas de préstamo para o alumnado de infantil ou o concurso de lectura en voz alta ‘Ler e escoitar’-, ou o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.

Fomento da competencia lectora

Mediante este plan, a Consellería quere fomentar un modelo de biblioteca que integre a cultura impresa e a cultura dixital, apoiando a aquelas comunidades educativas que organizan os seus recursos materiais e humanos para que este sistema resulte eficaz e se utilice nos distintos procesos de ensinanza e de aprendizaxe. Ademais busca impulsar que as bibliotecas incorporen metodoloxías innovadoras e axuden ao seu alumnado, dunha forma convencida, a moverse no mundo da información de maneira eficiente.

Esta iniciativa encamíñase tamén a mellorar as competencias lectoras, algo que xa se conseguiu nos resultados acadados polo alumnado da comunidade autónoma galega nas últimas probas PISA, nos que se apreciou unha lixeira mellora dos índices de comprensión lectora. O obxectivo é favorecer o hábito lector a través das actividades de fomento da lectura organizadas nas bibliotecas escolares co fin de acadar a excelencia nesta competencia.