A Xunta de Galicia favorece os hábitos saudables nos menús dos escolares galegos

A Consellería de Educación desenvolve varias iniciativas, en colaboración con outras consellerías e institucións, para achegar aos máis novos unha unhas comidas equilibradas desde o punto de vista nutricional

Xov, 21/04/2011 - 11:39

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con outros departamentos da Xunta de Galicia e institucións como a Universidade de Santiago de Compostela (USC), está a favorecer a adquisición de hábitos saudables nos menús dos escolares galegos, a través de diferentes iniciativas.

O obxectivo é conseguir que os máis novos aprendan desde a infancia a levar unha dieta equilibrada desde o punto de vista nutricional, consumindo ademais alimentos propios de Galicia, como os procedentes do mar, froitas e verduras.

Guía nutricional

Nun primeiro momento a Consellería de educación dirixiu a súa mirada cara aos comedores escolares, dos que fan uso este curso máis de 64.700 alumnas e alumnos. Para iso, e froito da colaboración con prestixiosos profesionais do departamento de pediatría da USC, publicouse ‘Menús saudables no comedor escolar’ (que pode descargarse no enlace web http://www.edu.xunta.es/ftpserver/portal/menu/indice.htm) , unha guía  encamiñada a analizar e propoñer programas de prevención e intervención nos centros escolares dotados de servizo de comedor, unha información que resulta de grande utilidade para os profesionais e comunidades educativas interesadas.

A guía propón uns menús adaptados ás necesidades dos nenos, cunha referencia completa na que se indica que proporciona cada un dos menús en termos de enerxía, proteínas, graxas, hidratos de carbono, minerais e vitaminas. Ademais, inclúe referencias precisas sobre o tipo de preparación, co fin de lle facilita-la súa elaboración ao persoal do comedor.  Ademais introdúcense tamén menús para nenos que non poden consumir algún tipo de alimento, polos efectos nocivos que estes poden ter para a súa saúde, dedicándolle especial atención aos celíacos e estudantes con alerxia alimentaria.

Cursos para profesionais

Nesta mesma liña van dirixido os cursos que se están a impartir e que van dirixidos ao persoal de cociña que presta servizo nos comedores escolares de xestión directa pola Consellería. No mes de febreiro de 2011 organizáronse 11 cursos de ‘Hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos’aos que asistiron un total de 247 traballadores, logo da demanda de formación nesta materia que se viña efectuando polo propio colectivo.

Nas sesións os participantes abordaron nocións básicas de riscos laborais en cociñas e comedores escolares, perigos e riscos nos alimentos, identificación de perigos, principais enfermidades transmitidas polos alimentos, prácticas correctas de hixiene e manipulación.

Con estes cursos a Consellería pretende facilitar o coñecemento e fomentar o cumprimento das normas de hixiene alimentaria entre os seus traballadores, ao tempo que se lles posibilita a obtención ou renovación do certificado de manipulador de alimentos, que reciben o mesmo día do curso, ao remate do mesmo.

Ao recreo con froita, no comedor pescado

O propósito da Xunta de Galicia é transmitir os valores dunha boa alimentación aos escolares para que, máis aló do comedor, os manteñan fóra das aulas. Así, Educación dá difusión ao fomento do consumo de froita fresca que se impulsa desde o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA). Ao abeiro desta campaña, anímase ás alumnas e alumnos a tomar con merenda de media mañá no recreo froitas frescas – preferiblemente de tempada- e zumes de froitas sen azucre, un alimento saudable e necesario na infancia polos seus compoñente nutricionais.

Así mesmo as Consellerías do Mar e Educación colaboran no desenvolvemento da campaña ‘O sabor da aventura está no mar’, pola que se fomenta o consumo de produtos pesqueiros frescos entre o alumnado de centros educativos. No presente curso escolar 2010-2011 o programa destinouse a nenos de 6 a 12 anos nun total de 158 colexios, repartíndose un total de 152.000 racións de peixe.  A iniciativa tamén inclúe accións destinadas aos cociñeiros dos comedores escolares para mellorar a achega de produtos do mar á alimentación infantil e xuvenil.