O Consorcio Interuniversitario integrará tres organismos para favorecer a colaboración e a xestión interna do SUG

O CISUG, cuxa tramitación está na fase final, aglutinará a Bugalicia, á CIUG e ao Consorcio de desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria

O Consello Galego de Universidades tamén abordou a mellora do mapa de titulacións ata 2021 e o novo Plan de excelencia do Sistema Universitario de Galicia

Lun, 18/12/2017 - 17:29
O Consorcio Interuniversitario integrará tres organismos para  favorecer a colaboración e a xestión interna do SUG

O Consello Galego de Universidades reuniuse esta mañá para abordar varios asuntos de interese en materia académica superior como a creación do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG), que se atopa na fase final da súa tramitación. Tal e como explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que presidiu a reunión acompañado dos tres reitores, a nova entidade integrará tres organismos que xestionan asuntos de relevancia para a totalidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG), como son o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria (CIXUG), o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (Bugalicia) e a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

Neste sentido, e co fin de favorecer a colaboración e a xestión interna do sistema, estes tres entes pasarán a formar parte do CISUG. En todo caso, e co obxectivo de levar a cabo a dita integración, prevese a constitución -no prazo dun mes desde a sinatura do convenio de creación do Consorcio- dunha comisión que determinará os elementos económicos, materiais, organizativos e de persoal necesarios para a posta en marcha do novo ente, as achegas das partes e aprobar os procedementos de disolución que sexan necesarios.

Cómpre destacar que o CISUG terá personalidade xurídica e estará adscrito á Universidade de Santiago de Compostela. Cada institución terá un 30% de representación, mentres que a Xunta de Galicia terá o 10%, dado que o órgano está circunscrito a materias de ámbito competencial propio das universidades. De feito, o obxectivo principal do CISUG é impulsar a cooperación organizativa, económica, técnica e administrativa do SUG co fin de acadar unha maior calidade e eficiencia das universidades.

Tras ser aprobado polos consellos de goberno de cada unha das tres institucións, agora tan só queda o visto bo dos consellos sociais, así como a aprobación polo Consello da Xunta, para inmediatamente despois poder asinar o convenio de constitución.

Mapa de titulacións e Plan de excelencia

Ademais, tamén se lle dou traslado aos membros do Consello Galego de Universidades da mellora do mapa de titulacións ata 2021, unha folla de ruta pioneira de planificación conxunta da oferta académica superior elaborada e consensuada entre Xunta e universidades e presentada a finais do mes de outubro.

Así mesmo, o conselleiro tamén informou do Plan de excelencia do SUG, que contempla un decálogo de accións de 2018 a 2020 para mellorar a calidade do sistema, favorecer a súa internacionalización, impulsar a cooperación interuniversitaria e premiar o esforzo de estudantes e profesorado.

Outro dos puntos da orde do día foi o adianto da proba de acceso á universidade. Deste xeito, lembrouse ante os membros do Consello que, para o curso 2017/18, as convocatorias mantéñense en xuño e setembro, mentres que o vindeiro curso 2018/19, o alumnado de 2º de bacharelato contará cunha proba ordinaria en xuño e outra extraordinaria no mes de xullo, de xeito que a súa incorporación á universidade se realizaría ao tempo do resto de alumnado.

Román Rodríguez lembrou que esta medida afectará a arredor dun 10% do alumnado, que é o que se presenta á convocatoria extraordinaria, segundo datos de anteriores cursos. En concreto, do total dos presentados á ABAU neste ano 2017, só o 12,2% o fixo en setembro, o que representa aproximadamente o 9% dos estudantes que superaron a proba.

Revogación de másters

Ademais, o pleno do Consello Galego de Universidades acordou a revogación do Máster Universitario en Tecnoloxías de Edificación Sustentable da UDC. Por parte da USC, revógase o Máster universitario en Economía. Organización Industrial e Mercados Financeiros; en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética; en Innovación en Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias; e en Lóxica e Filosofía da Ciencia, título conxunto coas universidades de Granada, La Laguna, Salamanca, Valladolid e Valencia (Estudi General).

Así mesmo, os títulos da Universidade de Vigo que se aprobaron revogar son o Máster universitario en Contaminación Industrial: Avaliación, Prevención e Control; en Creación, Dirección e Innovación na Empresa; en Enxeñaría Térmica, título conxunto coa universidade do País Vasco; en Lingua e Comunicación nos Negocios; en Teatro e Artes Escénicas; e o programa oficial de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural.

Tamén se revogou o Máster Universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser, un título conxunto da UDC, USC e UVigo.

Por último, tamén se informou sobre o cambio de denominación do Máster universitario en Enxeñaría Náutica e Transporte Marítimo da UDC, que a partir de agora recibirá o nome de Máster Universitario en Náutica e Transporte Marítimo.