A Roda conmemora 40 anos promovendo a música galega e en galego

O secretario xeral de Política Lingüística acompañou o grupo vigués na presentación do disco “A Roda Live / A Roda ao vivo en Ortigueira”

Lun, 18/12/2017 - 15:22
A Roda conmemora 40 anos promovendo a música galega e en galego
A Roda conmemora 40 anos promovendo a música galega e en galego

Neste ano que comeza, 2018, a formación de música tradicional A Roda conmemora 40 anos desde a súa fundación a finais do 1977, toda unha vida dedicada a promover e difundir a música galega e o noso patrimonio cultural inmaterial, a través da chamada “música de raíz”, un expoñente da música popular galega, da música de taberna e un dos grupos máis antigos (aínda en activo) e coñecidos.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou hoxe pola mañá o grupo vigués na presentación deste disco e salientou na súa intervención que “A Roda leva catro décadas promovendo a música galega e en galego. Non hai festa que non cante o Pousa, pousa ou o Miudiño, letras en galego convertidas en auténticos himnos de calquera calebración dos galegos e galegas, aquí e fóra das nosas fronteiras”. “Un grupo comprometido sempre coa lingua propia de Galicia que a finais dos 70 impulsou a mellor campaña de dinamización lingüística feita desde o eido musical co seu disco Falemos galego”, recordou.

Na presentación participaron os seis integrantes da formación, Xan Barcón, David Cabaleiro,  Alfredo Dourado, Christian García, Alex Nores e Manoele de Felisa.

Catro décadas promovendo a música de raíz en galego

A formación A Roda naceu no ano 1977 dun grupo de amigos que se xuntaba arredor dunha mesa, facendo a roda que lles dá nome. O primeiro traballo, homónimo, A Roda converteuse nun supervendas e é aínda hoxe un dos clásicos da música galega; con el gañaron o favor do público e conseguiron o Premio da Crítica Galega. A partir dese momento, centos de concertos, tanto en Galicia como fóra, nomeadamente na emigración, numerosos premios e dezasete discos máis avalan a traxectoria dun dos grupos en activo máis comprometidos coa lingua galega.

A Roda live / A Roda ao vivo en Ortigueira é o título do novo disco, no que a banda se consolida no eido do etno-folk e conmemora os seus corenta anos, na que é a primeira gravación en directo editada en formato cedé que proximamente se completará con vídeo. Recompila dezaseis éxitos d'A Roda entre os que podemos atopar os míticos O gato, O andar miudiño ou o Pousa, pousa, xunto a outra serie de temas inéditos (varios compostos pola banda) e dous bonus track, 40 anos máis e Os cabaleiros d’A Roda, inéditos e compostos especialmente para a ocasión. O repertorio viaxa do eclecticismo deste folk-rock, en temas como Alalá do Mariñeiro, ata á tradición galega con Pandeirada de Mens, pasando pola balada pop en Terras labregas, o folk instrumental en Jota da seisada e rematando na máis universal e coñecida Rianxeira.

Menús News node R