A Xunta e o Parlamento organizarán visitas escolares a ambas institucións

O conselleiro de Educación e o presidente da Cámara asinan un convenio co fin de dar a coñecer aos máis novos o funcionamento dos principais órganos de autonomía e afondar na cultura do diálogo democrático, o respecto e a convivencia

O programa, baixo o nome de “Coñece as túas institucións”, comezará a desenvolverse este mesmo curso e nel poderán participar alumnos de 5º e 6º de Primaria, e de 1º e 2º de ESO

Lun, 18/12/2017 - 14:45
A Xunta e o Parlamento organizarán visitas escolares a ambas institucións

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para poñer en marcha un programa educativo “Coñece as túas institucións” que ten como obxectivo realizar visitas escolares ás sedes da Xunta, en San Caetano, e á Cámara galega, no Pazo do Hórreo. Deste xeito, os alumnos de centros de ensino galegos de titularidade pública poderán visitar diversos espazos institucionais.

A finalidade é que os máis novos coñezan en primeira persoa ambas institucións e o seu funcionamento, facéndoos partícipes da sociedade democrática e espertando neles o interese pola autonomía galega dende o coñecemento do aparato institucional da organización administrativa. Neste sentido, o conselleiro de Educación destacou o programa como unha oportunidade para “a aprendizaxe histórica, para a reflexión e para o pensamento crítico”.

Así mesmo, explicou que se trata dunha iniciativa moi positiva tanto para o alumnado, como para o profesorado e para as propias institucións. Neste sentido, os estudantes adquiren formación histórica, pero tamén asumen, xa desde idades temperás, os valores democráticos necesarios para garantir un bo clima de convivencia. “Ademais, asimilan como próximo aqueles lugares que garanten os servizos públicos, resolven os problemas dos cidadáns e tratan de mellorar o benestar da sociedade”, salientou Román Rodríguez.

Coñecemento próximo do poder lexislativo e executivo

O alumnado poderá achegarse e ampliar os seus coñecementos sobre os poderes lexislativo e executivo de Galicia, afondando deste xeito na cultura do diálogo, da convivencia e do respecto. Deste xeito téntase favorecer unha cidadanía democrática e responsable presente e futura.

No marco deste programa os estudantes poderán coñecer o funcionamento institucional e as fontes autonómicas de subministración de bens e servizos públicos como a educación, a sanidade, os servizos sociais ou as comunicacións; así como as dependencias onde esta actividade se desenvolve. O programa afondará na importancia social e a utilidade práctica do Parlamento e da Xunta de Galicia, máximo órgano de representación popular galega e órgano colexiado de Goberno que dirixe a política xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

Esta actividade coincide coa conmemoración do 35 aniversario do comezo da primeira lexislatura da autonomía galega, logo de celebrar no Palacio Xelmírez a sesión constitutiva o 19 de decembro de 1981, fito representativo do autogoberno da Comunidade Autónoma.

Desenvolvemento do programa

O programa de actividades desenvolverase nos cursos escolares 2017/18, 2018/19 e 2019/20, e nel participarán centros educativos galegos de titularidade pública con alumnado de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria formándose grupos dun mínimo de 30 e un máximo de 60 participantes. En calquera caso, en cada visita o alumnado distribuirase en grupos por etapa educativa e nun número que se considere axeitado para tirar proveito da visita sen interferir na actividade das institucións.

Con carácter previo á realización efectiva das visitas, o programa didáctico desenvolverase dentro das aulas mediante a entrega e traballo cos materiais proporcionados polas institucións. Tanto a través destes contidos como das propias visitas procurarase desenvolver competencias clave, nomeadamente a social, a cívica e a competencia en sentido da iniciativa e espírito emprendedor, coa incorporación dos principios de Goberno Aberto e a transparencia.

Logo de realizar o traballo previo de formación nas aulas, concertarase a visita ás institucións. En cada institución, o grupo será recibido por unha autoridade que lle dará a benvida para despois realizar a visita por cadansúa sede institucional guiados por profesionais que lles explicarán o funcionamento e a organización dos correspondentes poderes públicos, de xeito que o alumnado poida afianzar os coñecementos adquiridos no traballo previo feito na aula.