Os Bolechas festexarán o Nadal na Rede de Dinamización Lingüística

Os irmáns animados máis famosos de Galicia levarán 'Un conto de Nadal' a oito concellos do 22 de decembro ao 7 de xaneiro no marco da sexta edición de 'Nadal en Rede' e en colaboración con Bolanda Ediciones, TVG e Gadisa

Mar, 12/12/2017 - 15:52
Os Bolechas festexarán o Nadal na Rede de Dinamización Lingüística

Os Bolechas súmanse por sexto ano consecutivo á celebración das festas de Nadal, da man da Rede de Dinamización Lingüística, Bolanda Edicións, Televisión de Galicia e Gadisa, e chegarán a oito concellos desde o vindeiro venres 22 de decembro ata o domingo 7 de xaneiro. Farano, coma sempre, convidado as familias a participaren na nova proposta Un conto de Nadal, con entrada libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados en Ames, O Carballiño, Muros, Poio, Sarria, Vilalba, Viveiro e Xinzo de Limia.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe á mañá na rolda de prensa de presentación da xira e destacou que “xa é unha cita consolidada nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística a proposta de Nadal dos Bolechas, referentes galegofalantes da xente miúda que queren animar sempre a celebrar as festas e desfrutar deste tempo tan familiar na lingua propia de Galicia”. Na presentación, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, acompañárono o responsable de Bolanda Edicións, Antonio Couto; a directora-xerente da Televisión de Galicia, Rosa Vilas; e o director de Comunicación de Gadisa, José Luis Fernández Astray.

Oito citas ata o 7 de xaneiro

Os Bolechas percorren Galicia nestas datas para seren dos primeiriños en levarlles aos nenos e nenas a maxia do Nadal. Desta volta, os seis intrépidos irmáns e o seu can Chispa terán que resolver un misterio que pode deixar os cativos e cativas de Galicia sen os agasallos que tanto tempo levan agardando. E é que se perdeu o camelo en que os Reis Magos traían todos os galanos. Conseguiran atopalo a tempo? Algo sae mal e os que van aparecendo son Papá Noel, o Apalpador e moitos outros personaxes ligados ás festas do Nadal...

Un conto de Nadal botará a andar o vindeiro venres 22 de decembro no Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba, ás 18:00 horas. A Casa da Cultura de Xinzo de Limia acollerá a actividade o sábado 23; o Centro Cultural Xaime Illa de Poio, o sábado 30; a Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames), o martes 2 de xaneiro; a Casa da Cultura de Muros, o mércores 3; o Teatro Pastor Díaz de Viveiro, o xoves 4; o Auditorio Municipal do Carballiño, o sábado 6; e a Casa da Cultura de Sarria, o domingo 7.

Toda a información e o calendario poderán seguirse no web www.osbolechas.gal e, a partir de mañá, tamén no Portal da Lingua Galega en www.lingua.gal/nadal-en-rede, ademais de nas redes sociais e na Axenda de Cultura de Galicia.

Menús News node R