A Consellería de Educación puxo en contacto ao Ministro cubano do ramo e ao SUG, para establecer acordos de colaboración en 2018

Mar, 28/11/2017 - 19:05
A Consellería de Educación puxo en contacto ao Ministro cubano do ramo e ao SUG, para establecer acordos de colaboración en 2018

A Consellería de Educación ven de poñer en contacto ao Ministro cubano do ramo co Sistema Universitario de Galicia (SUG), para establecer acordos de colaboración no primeiro trimestre de 2018.

O Ministerio de Educación Superior de Cuba e o SUG “iniciarán en breve accións bilaterais de colaboración”, segundo anunciou o titular do departamento cubano, José Ramón Saborido Loidi, ao termo da entrevista que o mandatario caribeño mantivo cos tres reitores galegos. O encontro foi auspiciado polo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, na cidade de Guadalajara, México, onde a delegación galega asistiu á Conferencia anual da Asociación Nacional de Universidades e Instituciones de Educación Superior deste país centroamericano.

José Ramón Saborido expresou o seu desexo de promover acordos en áreas de investigación e formación, así como mobilidade, que se poderían concretar o vindeiro mes de febreiro no 11º Congreso Internacional de Educación Superior, “Universidad 18”, a celebrar na Habana. Os tres reitores, Juan Viaño, de Santiago, Salustiano Mato, de Vigo, e Julio Abalde, da Coruña, amosaron tamén a súa vontade en revitalizar unha colaboración que decaeu hai aproximadamente dúas décadas, e tomaron nota de que Cuba, en palabras do Ministro, “está aberta especialmente a establecer protocolos de colaboración para a formación en materia de turismo, agricultura, medio ambiente, alimentación e enerxías renovables.”