Galicia e México impulsan a colaboración e a mobilidade universitaria no eido académico e científico

O conselleiro de Cultura e Educación e o secretario xeral executivo da ANUIES asinan un memorando para, entre outras accións, apoiar o proceso de recoñecemento mutuo de títulos académicos ou promover o intercambio de profesores, especialistas e estudantes

Este acordo nace a raíz do asinado en maio coa Secretaría General Iberoamericana, a través do cal a Xunta se adheriu á alianza para a mobilidade académica

Trátase da primeira misión de atracción de coñecemento en Iberoamérica que se desenvolve en conxunto cos tres reitores das universidades galegas, dentro do marco do Plan de excelencia do Sistema Universitario de Galicia

Ven, 24/11/2017 - 10:30
Galicia e México impulsan a colaboración e a mobilidade universitaria no eido académico e científico

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o secretario xeral executivo da Asociación Nacional de Universidades e Instituciones de Educación Superior de México (ANUIES), Jaime Valls Esponda, asinaron este xoves un memorando de entendemento para colaborar en actividades académicas, científicas e culturais de interese común. O acordo asinouse en Guadalajara (México) e contou coa presenza dos tres reitores das universidades galegas, Juan Viaño (Universidade de Santiago de Compostela), Salustiano Mato (Universidade de Vigo) e Julio Abalde (Universidade da Coruña). Tamén asistiu o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

Esta sinatura enmárcase no acordo rubricado o pasado mes de maio entre o presidente da Xunta e a secretaria xeral iberoamericana, Rebeca Grynspan, mediante o cal a Xunta se adheriu á alianza para a mobilidade académica. Precisamente, unha das primeiras accións a desenvolver dentro deste marco de cooperación coa Secretaría General Iberoamericana (SEGIB) era a posta en marcha de misións de atracción de coñecemento en Iberoamérica, co fin de dar a coñecer o Sistema Universitario de Galicia (SUG) e intentar captar alumnado de grao e máster para as universidades galegas.

Nese sentido, o memorando de entendemento asinado este xoves coa ANUIES dálle recorrido á colaboración coa SEGIB e, por outro lado, tamén axuda a desenvolver unha das accións  contempladas no Plan de Excelencia do SUG para o trienio 2018-2020, presentado este mesmo mes de novembro no Consello da Xunta.

Internacionalización e aproveitamento de sinerxías

En concreto, e dentro das accións máis relevantes que inclúe o memorando, cómpre resaltar a colaboración entre a ANUIES e o SUG para o recoñecemento mutuo de títulos e certificacións académicas, ou a promoción do intercambio de profesores, especialistas e estudantes.

Tamén se compartirán as boas prácticas para incrementar a calidade no sistema; fomentarase a integración entre a investigación e as actividades industrias e comerciais; desenvolveranse proxectos de investigación; promoverase a internacionalización da educación superior e o desenvolvemento profesional docente; e facilitarase o intercambio de información, publicacións, vídeos, bibliografía e material didáctico.

Así mesmo, o memorando tamén contempla posibles cooperacións para fomentar a capacitación de recursos humanos de alto nivel; a organización de misións de traballo coa participación de profesores, estudantes e profesionais que traballen en áreas de interese mutuo; ou promover o deseño, creación e distribucións de publicacións, entre outras. 

En todo caso, as accións concretas nestes ámbitos globais de actuación desenvolveranse posteriormente en convenios específicos entre ambas as partes.