A Xunta participa en Bruxelas na conferencia de alto nivel os retos actuais das linguas minoritarias
O encontro está organizado polo Centre Maurits Coppieters e pola Rede Europea para Promover a Diversidade Lingüística, da que forma parte o goberno galego como membro de pleno dereito
Na conferencia interviñeron os galegos Hakan Casares e Gregorio Ferreiro, actual vicepresidente da NPLD
Sáb, 11/11/2017 - 12:00

A Xunta de Galicia, membro de pleno dereito a Rede Europea para Promover a Diversidade Lingüística (NPLD, nas súas siglas en inglés), participou esta semana en Bruxelas na conferencia de alto nivel ‘Os retos actuais das linguas minoritarias das complexas sociedades de hoxe’, organizada por esta entidade e polo Centre Maurits Coppieters.

A conferencia, celebrada esta semana, ocupouse de tres retos relevantes nos debates europeos actuais -as migracións, o papel que representan as linguas como catalizadores económicos e mais as linguas e a educación- co obxectivo de identificar aqueles elementos sobre os que parece obrigado intervir para asegurar a revitalización dos idiomas minoritarios de xeito que sexan usados polos seus falantes nas súas relacións diarias. Expertos frisóns, galeses ou vascos debateron a canda os representantes galegos o equilibrio entre o papel que deben ter os gobernos nacionais e a conciencia e a regulación no ámbito europeo, dentro do que se avogou por ter máis en conta as linguas dos pequenos estados e as linguas rexionais á hora de deseñar políticas lingüísticas.

Entre os relatores que participaron neste encontro estivo Hakan Casares Berg, do Consello da Cultura Galega, que tratou sobre “Vitalidade do galego e migracións”. As intervencións de despedida correron a cargo de Antonia Luciani, vicepresidenta do Centre Maurits Coppieters, e do galego Gregorio Ferreiro Fente, representante da Xunta de Galicia na NPLD e actual vicepresidente desta entidade.

Rede para promover a diversidade lingüística

NPLD é unha rede paneuropea, fundada en 2008, na que a Xunta é membro de pleno dereito e que acolle a representantes gobernativos e asociativos de linguas rexionais, minoritarias e de pequenos Estados de Europa e que constitúe a máis importante organización europea que, de forma estable e continuada, se dedica á promoción social e ao ensino destas linguas.

A principal meta desta plataforma organizativa é crear un ámbito no que o multilingüismo, a diversidade lingüística e a aprendizaxe das linguas minoritarias se promovan activamente en todas as franxas de idade, xa que 50 millóns de cidadáns da UE, o 10% da poboación, fala estes idiomas.

No marco da NPLD, os gobernos estatais da Unión Europea, os gobernos autónomos, entidades culturais e os centros de referencia ou asociacións do ámbito da promoción da pluralidade lingüística que participan nela, impulsan diversos proxectos. Entre eles destacan aqueles que redundan na posta en valor e na importancia das linguas nos ámbitos da economía ou da emigración, como elementos de cohesión social e valores positivos.