Román Rodríguez participa na inauguración do I Simposio Internacional de Estudos Xaponeses

Xov, 09/11/2017 - 17:40
Román Rodríguez participa na inauguración do I Simposio Internacional de Estudos Xaponeses

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración do I Simposio Internacional de Estudos Xaponeses, onde salientou a proximidade entre os pobos galego e nipón no que atinxe ao tradicional da súa cultura, á súa sensibilidade artística ou a longa historia de peregrinación que ambas as dúas terras rexistran. Así mesmo, Román Rodríguez sinalou Xapón como un dos berces culturais da humanidade, polo que destacou o interese deste encontro para afondar no seu coñecemento e estreitar lazos de futuro con esta sociedade.

Organizado pola Sociedade Galega de Estudos Nipóns que preside o profesor Marcelino Agís, o obxectivo do simposio é difundir no ámbito académico e fomentar  o interese polos estudos xaponeses en Galicia, para o que se conta coa presenza de reputados procedentes da propia Universidade de Santiago de Compostela e das universidades xaponesas de Toquio, Kansai e Tenri. O evento celébrase no marco dos XIV Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago, organizados pola Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA) e que contan co apoio da Consellería e da USC.