A Consellería de Educación ampliará o CEP Altamira de Salceda de Caselas

Román Rodríguez explica no Parlamento que a prioridade do seu departamento é dar resposta ás necesidades de escolarización en Primaria

Mér, 08/11/2017 - 20:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que o seu departamento ten previsto acometer a ampliación do CEP Altamira, na localidade pontevedresa de Salceda de Caselas. A idea inicial é ampliar en 4 aulas, para o que este ano se destinaría unha cantidade inicial de arredor de 500.000 euros. Cómpre lembrar que no ano 2010 non foi posible afrontar a construción dun novo centro educativo, xa que o Concello non puxo a disposición da Consellería terreos axeitados.

En resposta a unha pregunta oral do PSdeG, o conselleiro explicou que a prioridade da Consellería é dar resposta á necesidade de prazas de escolarización en educación Primaria, dado que nos últimos sete cursos se ten producido un considerable aumento de matrícula no devandito centro educativo. En todo caso, a Consellería estará atenta ás dinámicas demográficas e de necesidades educativas do entorno para avaliar nun futuro se é precioso ou non abordar a implantación de estudos postobrigatorios, tendo en conta neste sentido que o alumnado de Salceda de Caselas conta con oferta dispoñible para cursar estas ensinanzas –Bacharelato e FP- en centros de concellos limítrofes, en concreto en Tui, Porriño, Salvaterra de Miño e Ponteareas. De feito, “nos últimos cursos, incluídas as matrículas de alumnado de Salceda de Caselas e dos propios municipios houbo vacantes dispoñibles para estudar 1º de Bacharelato en Tui, Porriño e Salvaterra, chegando a un total de 87 prazas non cubertas e dispoñibles neste mesmo curso 2017-18”, sinalou.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou, asemade, que o concello de Salceda de Caselas é moi extenso xeograficamente, con núcleos de poboación moi afastados, polo que para o alumnado é máis doado acudir a un centro dun destas localidades limítrofes que a un centro do propio concello. A distancia para acudir a estes centros é de entre 7 e 30 quilómetros, o que implica desprazamentos que se poden realizar entre 8 e 28 minutos.