Eduemprende Actúa achegará experiencias reais de emprendemento ao alumnado galego

Na actividade participarán persoas que levaron adiante a súa idea de negocio, así como técnicos do IGAPE

Mér, 01/11/2017 - 12:00
Eduemprende Actúa achegará experiencias reais de emprendemento ao alumnado galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar o programa Eduemprende Actúa, unha serie de actividades que teñen como obxectivo que o alumnado se achegue á realidade das persoas emprendedoras. Esta actuación enmárcase no Plan de Emprendemento no sistema educativo de Galicia Eduemprende, no eixe estratéxico 1 “Sensibilización e motivación” que agrupa o conxunto de obxectivos e medidas a desenvolver para que a comunidade educativa perciba a importancia de construír e fomentar a cultura emprendedora, para recoñecer no seu contorno actitudes e valores emprendedores, favorecendo a súa integración nos centros educativos e creando unha conciencia emprendedora.

A iniciativa vai dirixida ao alumnado de centros sostidos con fondos públicos que curse segundo curso de ciclos formativos de grado medio e superior das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño; así como a estudantes de bacharelato matriculados na materia de Economía.

As actividades desenvolveranse entre o 14 de novembro deste ano e o 20 de marzo de 2018. Nunha primeira fase farase un achegamento á actividade emprendedora a través dunha sesión na aula; preparatoria para a segunda fase, na que participarán un técnico do IGAPE para responder as dúbidas que formule o alumnado e unha persoa emprendedora que narre a sáu experiencia persoal neste sentido. Asemade, celebrarase unha mesa redonda na se compartirán e debaterán distintos puntos de vista.

Finalmente, na terceira fase, o profesorado e alumnado participante analizarán o aprendido e obterán conclusións.

Os centros que desexen participar nesa iniciativa deberán enviar a súa solicitude ao enderezo electrónico eduemprende@edu.xunta.es. Os centros seleccionaranse segundo a orde de entrada da solicitude no enderezo sinalado e a adecuación das preferencias á dispoñibilidade do persoal técnico do IGAPE.