Xunta e universidades presentan o mapa de titulacións do SUG ata 2021, que inclúe 14 novos graos

Trátase dun paso pioneiro en España, xa que é a primeira vez que unha comunidade autónoma presenta unha planificación a medio prazo da súa oferta académica superior

As principais accións son: introdución de novos graos, declaración de títulos singulares, aposta polos graos interuniversitarios e dobres graos, retirada gradual de títulos con moi baixa demanda e redefinición dos duplicados ou multiplicados

O obxectivo último pasa por dar resposta ás necesidades do alumnado e da sociedade, “os principais destinatarios desta estratexia”, destaca o conselleiro

O mapa é un piar fundamental na construción da Universidade do século XXI, definida por un “triplo e”: Eficiencia, Especialización e Excelencia

Román Rodríguez avanza a presentación dun plan de excelencia para o SUG este xoves no Consello da Xunta

Lun, 30/10/2017 - 18:50
Xunta e universidades presentan o mapa de titulacións do SUG ata 2021, que inclúe 14 novos graos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e os reitores das universidades de Santiago de Compostela (USC), Juan Viaño; de Vigo (UVigo), Salustiano Mato; e de Coruña (UDC), Julio Abalde, presentaron esta tarde a mellora do mapa de titulacións no Sistema Universitario de Galicia (SUG) para o período 2017-2021. Esta folla de ruta -que xorde do acordo de principios reitores asinado o pasado mes de marzo- constitúe un fito pioneiro en España, posto que é a primeira vez que unha comunidade autónoma presenta unha planificación a medio prazo da oferta académica superior coordinada entre Administración e universidades.

Neste sentido, e tal e como destacou o conselleiro, “nunca outra comunidade chegou tan lonxe, por iso hoxe é un día para estar orgullosos”. En todo caso, cómpre destacar que o mapa de titulacións do SUG para os vindeiros catro anos é un primeiro paso nun camiño de mellora continua para lograr un sistema moderno, adaptable aos cambios e que responda ás demandas da sociedade. Por iso, entre as principais medidas que contempla a nova oferta está a introdución de 14 novos graos adaptados á especialización dos campus e a perfís de futuro con alta empregabilidade.

Á entrada de novos títulos súmase a declaración de títulos singulares, o impulso aos graos interuniversitarios e dobres graos, a retirada gradual da oferta de graos con moi baixa demanda, e a redefinición dos títulos duplicados ou multiplicados.

En palabras do titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, trátase de dar respostas ás necesidades do alumnado e da sociedade, “os principais destinatarios desta estratexia”. Así mesmo, engadiu que “este mapa de titulacións ata 2021 axuda a construír a Galicia de mañá, axuda a construír a Universidade do século XXI, a universidade que queremos”.

Eficiencia, Especialización e Excelencia

Neste sentido, unha oferta de titulacións moderna e adaptada á sociedade constitúe un dos piares fundamentais desa universidade galega do futuro, que tamén se asenta nun financiamento estable ata 2020, nun modelo de investigación de vangarda e nun futuro plan de excelencia que, tal e como avanzou Román Rodríguez, será presentado este xoves no Consello da Xunta.

En definitiva, o Goberno galego, en colaboración coas tres institucións académicas, traballa para seguir construíndo a Universidade do século XXI, definida polo propio conselleiro a través dun “triplo e”: Eficiencia, Especialización e Excelencia. Neste contexto, quixo agradecer o esforzo e altura de miras dos tres reitores por antepoñer o interese común ao particular co fin de dar “un paso pioneiro e valente”.

Novos graos adaptados á sociedade e de futuro

A primeira das medidas contempladas na mellora da oferta de titulacións ata 2021 é a introdución de 14 novos graos, que poderán ser ex-novo (isto é, de temáticas novas, abertas e de futuro) ou ben substituír a títulos que se retiran da oferta por moi baixa demanda. A oferta dun novo grao deberá implicar a retirada doutro no centro afectado, ou ben a redución da oferta de prazas autorizadas en número equivalente á ofertada no novo título.

Por outra banda, as memorias de verificación dos novos graos deberán xustificar a demanda baseada en evidencias, os perfís profesionais a cubrir e as competencias a desenvolver, e a relación coa contorna social. Ademais, participarán axentes externos na concepción e desenvolvemento do título e terán prácticas garantidas para o alumando. Tamén deben incluír unha ampla xustificación socio-económica da necesidade do título e o enlace entre competencias específicas do título e as materias que contén.

Por universidade, a USC ofertará o grao en Biotecnoloxía (campus de Santiago), o grao en Criminoloxía (Santiago), o grao en Paisaxe (interuniversitario entre a UDC e a USC; no campus de Lugo), o grao en Xestión do Patrimonio e Industrias Culturais (campus de Lugo), o grao en Emprendemento (campus de Lugo), o grao en Robótica Agroforestal (campus de Lugo) e o grao en Bioquímica Agroforestal (campus de Lugo).

No caso da UDC, introdúcense os seguintes novos títulos: grao en Paisaxe (UDC-USC; no campus da Coruña), grao en Xestión Industrial da Moda (campus de Ferrol), grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos (campus da Coruña), grao en Xestión da Información e da Documentación Dixital (campus de Ferrol), grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos (Coruña), e grao Dual en Enxeñaría Eléctrica (Ferrol).

No caso da UVigo, entran como novos o grao en Enxeñaría Biomédica no campus de Vigo, e o grao en Deseño e Creación, no campus de Pontevedra.

Tal e como destacou Román Rodríguez, “os novos títulos significan que a Universidade quere responder ás necesidades dos nosos sectores produtivos e que quere abrir liñas de investigación en ámbitos punteiros a nivel mundial”.

Títulos singulares

No mapa tamén se declaran singulares aqueles títulos que, pese a non ter moita demanda nos últimos anos, considéranse necesarios para contar cunha oferta completa, integrada e coherente; en definitiva, esenciais e indispensables para o sistema.

En concreto, logo do correspondente estudo e valoración, decidíronse declarar oito títulos singulares, que son, os graos en Filoloxía Clásica, en Lingua e Literatura Galegas, en Xeografía e Ordenación do Territorio da USC; os graos en Tecnoloxía da Enxeñaría Civil, en Enxeñaría Naval e Oceánica, en Arquitectura Técnica e o grao en Galego e Portugués por parte da Universidade da Coruña. No caso da UVigo declárase singular o grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos.

Cómpre destacar que despois da declaración, o centro elaborará un plan de mellora da calidade, que se someterá periodicamente a avaliación.

Títulos retirados da oferta

Por outro lado, na actualidade hai unha serie de graos que, sen cumprir cos requisitos de titulacións singulares, presentan de maneira reiterada unha moi baixa demanda estudantil. Na maioría dos casos, no curso no que se retira a oferta do 1º curso do título comeza a impartirse un novo cun perfil máis axeitado.

A súa retirada da oferta farase de xeito ordenado e programado. Os que se atopan nesta situación son, na USC, os graos en Enxeñaría en Xeomática e Topografía, en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, en Xestión de PEMES, e en Lingua e Literatura Españolas (grupo Lugo). No caso da UDC, retíranse da oferta os graos en Humanidades, en Información e Documentación, en Enxeñaría Eléctrica e en Ciencias Empresariais (este último, con demanda, pero retírase por organización interna da Universidade). Na Universidade de Vigo non se retira ningún grao.

Títulos duplicados con baixa demanda e multiplicados con alta

Hai unha serie de títulos de grao que están duplicados no sistema, que ofrecen a mesma habilitación profesional e comparten unha habitual baixa demanda de estudantes. A solución para estes casos pasa por elaborar unhas directrices conxuntas entre as tres universidades, a través do Consorcio Interuniversitario de Galicia, para impulsar a colaboración e a potenciación da súa oferta docente.

Os títulos que se atopan nesta situación son: o grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural (USC) e o grao en Enxeñaría Forestal (UVigo); o grao en Enxeñaría Agrícola e Alimentaria (USC) e o grao en Enxeñaría Agraria (UVigo); e, por último, o grao en Enxeñaría Civil (USC) e o grao en Enxeñaría de Obras Públicas (UDC).

Por outro lado, no sistema tamén se detectan títulos multiplicados con alta demanda. Neste caso, tentarase diversificar a oferta global a través de orientacións, axeitando a oferta global ás demandas da sociedade galega, ou ben homoxeneizando contidos e competencias nos dous primeiros cursos para favorecer a mobilidade dentro do SUG.

Neste contexto, emitirase un informe de expertos académicos de fóra de Galicia no que se proporá a homoxeneización de, polo menos, os dous primeiros cursos, e incluiranse suxestións de orientacións ou mencións para os dous últimos cursos. Posteriormente, constituirase unha comisión interuniversitaria integrada por representantes de cada universidade vinculados ao título que valorarán os informes previos e, de consideralo axeitado, consensuarán os títulos especializados que procedan.

Os nove títulos nesta situación son: Administración e Dirección de Empresas, Química, Bioloxía, Comunicación Audiovisual, Enfermería, Dereito, Educación Primaria, Educación Infantil e Enxeñaría Informática.

Cooperación interuniversitaria e dobres graos

Por último, Xunta e universidades seguirán apostando pola cooperación entre as tres institucións académicas a través de graos interuniversitarios. De feito, no vindeiro curso 2018/19 comezará a ofertarse o primeiro destas características en Galicia: o grao en Paisaxe, impartido entre a UDC e a USC.

A maiores, tamén se continuará fomentando a oferta de programas de simultaneidade de graos (dobres graos), títulos con contidos e competencias complementarias e que supoñan un plus de formación de cara á empregabilidade dos egresados. Así mesmo, e de cara os vindeiros anos, a nota de corte será unha variable a ter en conta para o mantemento ou retirada da oferta destes graos.