A Consellería de Educación incorpora 36 novos centros ao Plan de mellora de bibliotecas escolares

Forman parte do Plan este curso un total de 646 centros educativos

Mar, 24/10/2017 - 11:01

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se resolve  a convocatoria do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2017/2018, ao abeiro do que se incorporan 36 novos centros a este programa. Deste xeito, forman parte do Plan este curso un total de 646 centros educativos.

A resolución dos centros incorporados pode consultarse no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171024/AnuncioG0164-171017-0003_gl.html . A Consellería de Educación destinou a esta convocatoria un total de 1.342.000 euros.

As axudas para os centros de nova incorporación -30 públicos e 6 concertados- están destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento e a súa adxudicación resolveuse logo da análise das necesidades descritas na solicitude presentada, en función da maior adaptación  aos criterios  recollidos na convocatoria (que se materializa na puntuación acadada pola memoria e programas presentados), e das características de cada centro (número de unidades e de alumnos e alumnas matriculados).

No caso dos centros públicos incorporados con anterioridade, os que o fixeran entre 2005 e 2007 reciben asignacións para fondos así como para mobiliario e outros equipamentos; os que se integraran entre 2008 e 2015 recibiren asignacións para fondos, e os centros integrados na convocatoria de 2016 contías para fondos, mobiliario ou outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento específicos da biblioteca.

No caso dos centros concertados integrados na convocatoria 2016 reciben axudas para fondos documentais, mobiliario e outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento.

Novo modelo

O plan de mellora procura incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que procuren a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, na que se incorporen espazos para a creación,  a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido. Así mesmo, as bibliotecas integradas no Plambe traballan no deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, na integración das novas tecnoloxías e o concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.

Por outra banda, este modelo de biblioteca tamén ten un enfoque inclusivo, contribúe  á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro e implícase en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar. 

Plan LÍA

O Plan de mellora enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia neste eido, o Plan LÍA de bibliotecas escolares para o período 2016-2020, que ten entre os seus obxectivos o de dotar os centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes ás necesidades do século XXI. Entre os doce ámbitos de actuación definidos como desafíos, a rede de bibliotecas escolares precisa de actuacións continuadas para lograr avances na renovación das bibliotecas da totalidades dos centros, de forma progresiva.

Asemade, búscase continuar afianzando os bos resultados que o sistema educativo galego está a colleitar no referido á competencia lectora. Non en balde, Galicia acadou no Informe PISA 2015 unha puntuación de 509 puntos na competencia lectora, moi por riba dos 479 de 2006 e superando as puntuacións medias dos países da OCDE (493), da UE (494) e a media estatal (496).