Román Rodríguez aposta pola proporcionalidade e pola autonomía dos centros nos deberes escolares
O conselleiro de Educación participa na presentación dun informe sobre as tarefas extraescolares elaborado polas universidades de Coruña, Oviedo e Minho
Lun, 23/10/2017 - 15:19
Román Rodríguez aposta pola proporcionalidade e pola autonomía dos centros nos deberes escolares
Román Rodríguez aposta pola proporcionalidade e pola autonomía dos centros nos deberes escolares

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, avogou esta mañá pola proporcionalidade e pola autonomía dos centros e consellos escolares á hora de establecer deberes. Tal e como manifestou, “os deberes non son bos nin malos en si mesmos; debemos abandonar posicións extremistas, ser racionais e apostar polo sentidiño”. Así o manifestou con motivo da presentación do informe sobre deberes escolares coordinado polas universidades da Coruña, de Oviedo e de Minho.

Durante a súa intervención, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que o sistema educativo galego é claro á hora de regular os deberes escolares. Deste xeito, e en virtude dun acordo parlamentario, no decreto do currículo de Primaria indícase que os deberes deben quedar incluídos na programación xeral anual dos centros, que se aproba no Consello Escolar. Neste sentido, o feito ou non de poñer deberes debe ser presentado diante de todos os membros da comunidade educativa, representados no dito Consello.

Ademais, cómpre salientar que no decreto tamén se indica que, de establecer tarefas extraescolares, estas deben ter en conta o ritmo de aprendizaxe do alumnado, o encaixe na vida familiar ou o respecto aos tempos de lecer do alumnado.

Tendo en conta este contexto, Román Rodríguez subliñou que “non se pode establecer unha táboa rasa para todos os centros”, pero o certo é que, “na súa debida proporción, os deberes axudan a mellorar o rendemento académico do alumno e incentivan a cultura do esforzo, así como a autonomía persoal dos nenos”, explicou.

O conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; polo decano da facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, Manuel Peralbo; e polo catedrático de Psicoloxía Evolutiva e da Educación Antonio Valles, coordinador do informe.