Cento nove estudantes universitarios reciben axudas para a mobilidade a países extracomunitarios

O importe da bolsa ascende a 1500 euros por alumno

Lun, 23/10/2017 - 11:48

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de conceder as axudas destinadas ao alumnado das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2017/18. En total 109 estudantes universitarios recibirán esta bolsa, que ten unha dotación de 1500 euros por alumno, e que ten como obxectivo favorecer o intercambio internacional dos estudantes.

O orzamento da convocatoria ascendeu a 210.000 euros, a mesma cantidade que o ano pasado. A proposta de resolución coa relación de bolseiros pódese consultar no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23435 . Co fin de premiar o esforzo e a excelencia, o expediente académico foi o único criterio para a concesión da axuda.

Dos beneficiarios 43 cursan estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 56 na de Vigo (UVigo) e 10 na da Coruña (UDC). No referido aos países, o máis concorrido é Chile (28 bolseiros), seguido de México (22), EEUU (13), Brasil (13), Arxentina (11), Perú (7), Uruguai (4), República Dominicana (2), Colombia (2), Corea del Sur (2), Ecuador (2), Canadá (1), China (1) e Suíza (1).

O obxecto destas bolsas, que se puxeron en marcha por primeira vez no curso 2011/12, é apoiar economicamente ao alumnado das universidades galegas que participan nun programa de mobilidade en países extracomunitarios.

Deste xeito, préstase apoio a unha experiencia que supón un importante factor de estímulo para a competitividade do sistema universitario e que leva consigo unha maior riqueza e a apertura a unha formación de mais calidade. A mobilidade internacional permite, así mesmo, que o alumnado se integre nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará os seus coñecementos profesionais e lingüísticos, así como a súa cualificación e opcións de futuro.