As clases permanecerán suspendidas durante a xornada de mañá no IES das Neves, e no CPR Estudio en Nigrán
No resto dos centros está previsto que a xornada lectiva se desenvolva con normalidade, sempre que non se produzan cambios nas circunstancias actuais
Lun, 16/10/2017 - 22:14

A Consellería de Educación informa de que as clases só permanecerán suspendidas durante a xornada de mañá martes no IES Pazo da Mercé (As Neves), e o CPR Estudio (Nigrán), ambos na provincia de Pontevedra. En principio, sempre tendo en conta as circunstancias actuais, está previsto que a xornada lectiva se desenvolva con normalidade no resto das provincias.

Logo de facer un seguimento continuo da situación ao longo de toda a xornada de hoxe -onde 20 centros educativos non abriron as súas portas- o departamento de Educación do Goberno galego considera oportuno manter pechados os dous centros mencionados debido, principalmente, a problemas derivados da falta de servizos básicos (auga e luz) ou ben por estar situados en zonas onde aínda se desprende moito fume pese a estar controlados os focos.

Non obstante, a Consellería continuará vixiando e informando sobre calquera cambio que se produza, ao tempo que fai un chamamento a que se extreme a precaución naquelas zonas afectadas. Así mesmo, lembra que os propios directores contan con todo o apoio da Consellería respecto das decisións que poidan tomar sobre os seus respectivos centros derivadas do coñecemento exhaustivo por razóns de proximidade e se así o requiriran as circunstancias.