Un total de 41 centros e máis de 800 alumnos participarán nunha English Week este outono

Estas estadías, que son de balde para os estudantes participantes, benefician a 19 centros da provincia da Coruña, 6 de Lugo, outros 6 de Ourense e 10 de Pontevedra

Establécense sete quendas de inmersión lingüística dunha semana de duración entre o 8 de outubro ata o 25 de novembro

Mar, 03/10/2017 - 13:45

Un total de 41 centros educativos públicos e 825 alumnos e alumnas participarán, a partir desta mesma semana, nas English Week que se celebrarán no centro de inmersión lingüística dos Peares, o único de toda España dedicado en exclusiva a tal fin. Estas estadías –que se desenvolverán en sete quendas dunha semana de duración entre o 8 de outubro ata o 25 de novembro– están dirixidas ao alumnado de 6º de primaria e dos catro cursos da ESO e teñen como obxectivo a mellora das competencias lingüísticas en inglés dos estudantes. A estas 825 prazas súmanse outras 300 para centros concertados, chegando así ata os 1125 alumnos beneficiados.

Tal e como se extrae da resolución de centros admitidos, publicada na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, esta iniciativa beneficiarán a 19 centros da provincia da Coruña, 6 de Lugo, outros 6 de Ourense e 10 de Pontevedra. Como vén sendo habitual, estas actividades están totalmente subvencionadas polo departamento educativo da Xunta de Galicia, que achega para tal fin un orzamento de 544.500 euros.

Centros participantes

En concreto, os centros da provincia coruñesa son: o IES Plurilingüe Elviña da Coruña, o CPI Plurilingüe de Vedra, o IES Plurilingüe de Ames, o IES María Casares de Oleiros, o IES Plurilingüe A Cachada de Boiro, o IES As Insuas de Muros, o IES Plurilingüe Fontexería de Muros, o IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña, o IES Fernando Wirtz Suárez, tamén da Coruña, o IES Castro da Uz das Pontes, o IES Agra do Orzán da Coruña e o CPI de Ponte Carreira de Frades no caso de secundaria. Nas estadías de primaria participarán o CEIP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda, o CEIP Ría do Burgo de Culleredo, o CEIP Plurilingüe Eladia Mariño de Cabanas, o CEIP Plurilingüe da Rabadeira de Oleiros, o CEIP Plurilingüe Víctor López Seoane da Coruña, o CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto de Boqueixón e o CPI Plurilingüe de Fonte-Díaz de Touro. 

Na provincia lucense, en ESO participará o IES Pedregal de Irimia, mentres que en primaria farano o CEIP de Monforte de Lemos, o CPI Plurilingüe de Navia de Suarna, o CEIP Plurilingüe da Pontenova, o CEIP Plurilingüe Virxe da Luz de Portomarín e o CPI Plurilingüe Virxe do Monte de Cospeito.

Pola súa banda, na provincia de Ourense beneficiarase o IES Cosme López Rodríguez da Rúa e, na parte de primaria, o CEIP Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar, o CEIP Virxe do Camiño de Rubía, o CEIP de Manzaneda e o CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso da Pobra de Trives.

Por último, en Pontevedra participarán nas estadías de inmersión lingüística os seguintes centros: o CPI de Cova Terreña de Baiona, o IES República Oriental do Uruguai de Vigo, o IES de Valga, o IES Alexandre Bóveda de Vigo, o IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar. o IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín e o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda no caso de ESO. En primaria, asistirán o CEIP de Leirado de Salvaterra de Miño, o CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro de Vilagarcía, o CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui e o CEIP Plurilingüe Nantes de Sanxenxo. 

Mellora da comprensión e expresión oral en inglés

As estadías desenvolveranse en quendas semanais, de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá, e serán supervisadas por monitores. O seu custe, sufragado pola Consellería, inclúe os gastos de docencia e o material escolar, as actividades culturais e complementarias dos cursos, os gastos de mantenza e aloxamento, un certificado de realización da actividade e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

O obxectivo principal deste programa é proporcionar ao alumnado participante unha actividade  de  inmersión  lingüística  que  lles  permita  mellorar  as  súas  destrezas  de  comprensión  e  expresión  oral  en  lingua  inglesa. Para iso, organizaranse tanto actividades académicas como de tempo libre e obradoiros, de tal forma que se reforce a un tempo o programa ordinario do currículo dos alumnos e das alumnas e a convivencia entre eles, promovendo a comunicación en lingua inglesa entre os participantes.