O curso 2017/18 comeza con 322 centros plurilingües tras a ampliación a infantil, bacharelato e FP

Dentro do desenvolvendo de EDUlingüe 2020, 83 centros introducen por primeira vez o plurilingüismo en educación infantil e catro fano en bacharelato

As seccións bilingües aumentan en 231, ata alcanzar as 4145, un 6% máis que o curso pasado

Ven, 08/09/2017 - 14:52

O curso 2017/18 comezará cun total de 322 centros plurilingües trala ampliación deste tipo de modelo –que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira– á educación infantil, bacharelato e Formación profesional. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar os datos definitivos das diferentes etapas –excepto de FP, que sairán en breve–, así como das seccións bilingües, que poden consultarse na páxina web http://www.edu.xunta.gal/portal/.

A ampliación do ensino plurilingüe ás distintas etapas –ata o curso pasado estaba presente en primaria e secundaria– enmárcase no desenvolvemento da nova Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020, presentada a inicios de xuño. Os primeiros resultados desta iniciativa acreditan que neste curso 2017/18, que comeza este próximo luns, un total de 83 centros decidiron introducir o plurilingüismo en infantil, denominado Plurinfantil. En concreto, trátase de 35 centros da provincia de Pontevedra, 26 da Coruña, 14 de Ourense e 8 de Lugo.

No caso de Pluribach, serán 4 centros os que, tamén por primeira vez, amplíen este modelo a bacharelato. Trátase do IES Campo de San Alberto de Noia, do CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús de Ourense, do CPR Plurilingüe Divina Pastora de Ourense e do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense. Pola súa banda, e segundo datos provisionais, o sistema educativo galego contará con 12 ciclos formativos plurilingües en 7 centros educativos.

Incremento exponencial nos últimos anos
Tendo en conta os centros que estenden o plurilingüismo a infantil, bacharelato, FP, así como os 25 novos que se incorporan á rede clásica (primaria e secundaria), este curso haberá un total de 322 centros plurilingües, 40 máis con respecto ao curso 2016/17. Isto significa multiplicar por máis de 5,5 o número de centros plurilingües que había no curso 2010/11.

En canto ás seccións bilingües, aumentan en 231 ata chegar ás 4145, un 6% máis con respecto ao curso pasado. En concreto, son 110 os centros que incorporan seccións bilingües, dos que 34 o fan por primeira vez. Por provincias, 105 están na provincia de Pontevedra, 67 na Coruña, 31 en Ourense e 28 en Lugo. En canto ás linguas estranxeiras das novas seccións, 223 son de inglés, 6 de francés e 2 de portugués. Se se teñen en conta os datos do curso 2008/09, no que había 720 seccións, a actual cifra supón multiplicar por case 6 este número.

Así mesmo, dentro do programa CUALE, de Cursos para a formación complementaria da aprendizaxe en linguas estranxeiras, un total de 1200 alumnos recibirán formación fóra do horario escolar en centros que voluntariamente participan, co fin de preparar o alumnado para a certificación oficial en Escolas Oficiais de Idiomas.

No caso do profesorado, unha das medidas incluídas no Plan anual de formación do profesorado para o curso 2017/18 é o plan específico en linguas, dotado este ano de 2.500 prazas, que busca promover a certificación de nivel dos docentes.

EDUlingüe 2020
Entre os obxectivos da estratexia EDUlingüe no horizonte 2020 está alcanzar os 500 centros plurilingües, 600 novas seccións bilingües e duplicar o número de auxiliares de conversa ata chegar aos 1000.

Ademais, tamén se favorecerá a certificación de nivel do alumnado ao remate da etapa, co fin de que o 30% dos mozos e mozas que finalicen a ESO en centros plurilingües certifiquen un nivel B1, e o 30% dos de bacharelato faga o mesmo en B2.