A Xunta incorpora 31 novos centros ao Plan de mellora de bibliotecas escolares

Segundo os datos provisionais, o vindeiro curso participarán no PLAMBE un total de 646 centros educativos

A igual puntuación para entrar no programa, a Consellería primou os centros situados no rural

Xov, 27/07/2017 - 16:34

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/resolucion_provisional_p... ) a resolución provisional da orde pola que se convocaba o Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe) en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2017/2018. En total serán 31 os centros que se incorporen ao Plan neste novo curso, de tal forma que participarán na iniciativa 646 centros de ensino de toda Galicia.

Das novas incorporacións 25 son centros públicos e 6 son centros concertados. Cómpre lembrar que a Consellería incorporou por segundo ano consecutivo nesta convocatoria unha liña de axudas destinada aos centros privados concertados co fin de incentivar o funcionamento de bibliotecas actualizadas nestes centros. Así mesmo, o departamento educativo da Xunta de Galicia primou, a igual puntuación para entrar no programa, os centros situados no rural.

O éxito da convocatoria entre os centros foi notable, dado que se presentaron un total de 99 solicitudes para ingresar no Plan.

Axudas
A Consellería destinou a esta convocatoria un orzamento de 1.342.000 euros. As axudas para os centros de nova incorporación estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento e a súa adxudicación decidirase logo da análise das necesidades descritas na solicitude presentada, en función da maior adaptación aos criterios recollidos nesta orde (que se materializará na puntuación acadada pola memoria e programas presentados), e das características de cada centro (número de unidades e de alumnos e alumnas matriculados).

No caso dos centros públicos incorporados con anterioridade, os que o fixeran entre 2005 e 2007 poderán recibir asignacións para fondos así como para mobiliario e outros equipamentos; os que se integraran entre 2008 e 2015 recibirán asignacións para fondos, e os centros integrados na convocatoria de 2016 poderán recibir contías para fondos, mobiliario ou outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento específicos da biblioteca.

Novo modelo
O plan de mellora procura incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que procuren a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, na que se incorporen espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido. Así mesmo, as bibliotecas integradas no Plambe deberán traballar no deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas,así como integrar as novas tecnoloxías e o concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.

Por outra banda, este modelo de biblioteca debe ter tamén un enfoque inclusivo, contribuír á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro e implicarse en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.

Plan LÍA
Esta convocatoria enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia neste eido, o Plan LÍA de bibliotecas escolares para o período 2016-2020, que ten entre os seus obxectivos o de dotar os centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes ás necesidades do século XXI. Entre os doce ámbitos de actuación definidos como desafíos, a rede de bibliotecas escolares precisa de actuacións continuadas para lograr avances na renovación das bibliotecas da totalidades dos centros, de forma progresiva.

Asemade, buscase continuar afianzando os bos resultados que o sistema educativo galego está a colleitar no referido á competencia lectora. Non en balde, Galicia acadou no Informe PISA 2015 unha puntuación de 509 puntos na competencia lectora, moi por riba dos 479 de 2006 e superando as puntuacións medias dos países da OCDE (493), da UE (494) e a media estatal (496).